Opinión

Puigdemont e a Santa Compaña

EN GALICIA a relación entre os vivos e os mortos é unha cuestión que forma parte do noso acervo cultural e da nosa idiosincrasia como pobo antes de sermos vítimas da globalización asimilante na que nos atopamos sumidos, especialmente desde o cambio de milenio, e que nos leva aos galegos a reivindicar o noso xeito de ser tamén na época do Halloween, desempolvando o noso Samaín de tradición celta ou incluso a procesión de ánimas da Santa Compaña.

Estamos no tempo dos Defuntos e tamén de Tódolos Santos e non nos podemos abstraer do noso xeito de ver o que nos rodea de maneira cotiá e, en especial, a política. Moitos son os que estes días comparan a fuxida de Carles Puigdemont e media ducia de conselleiros do seu Govern (cara ao exilio voluntario en Bruxelas para evitar entrar na Casa de Gran Hermano no que se está a converter Soto del Real, principal destino dos políticos defraudadores dos anceios e da vontade popular, ben sexa pola vía da apropiación indebida ou da malversación de fondos públicos) como unha auténtica cordada de ánimas impías a modo de Santa Compaña formada por una pléiade de conselleiros cos rostros cabizbaixos que pareceran procesionar arrastrando unha pesada cadea virtual seguindo a estela do ex Molt Honorable President camiño do martirio eterno.

Moitos son xa os que forman parte dunha santa confraría dos caladiños que ven como a xogada do seu pai da patria berrou aquelo de "sálvese quen poida" e emulando a aquel ínclito capitán do Costa Concordia, que sin agardar a po- ñer a salvo a propios e extranos decidiu abandoar precipitadamente o barco e gañar canto antes terra firme para "seguir mellor desde alí as tarefas de evacuación"… entendinda esta última palabra na súa acepción referida ao abandono, máis ou menos, ordenado do barco e non na referida a "expeler excrementos ou outras secrecións" por efecto do medo que, como todo o mundo sabe, é libre e cada un ten o que pode…

Agora, falando en serio, o chamado Procés non podía ter final máis patético que o que lle está a dar Carles Puigdemont e os partidos soberanistas que auspiciaron e presionaron ata o derradeiro momento para que se escenificara no Parlament unha pantomima de decisión dos máximos órganos representativos do pobo de Cataluña para proclama-la súa independencia pola porta de atrás e nun exercizo de cobardía extrema co voto segredo.

Da imposibilidade práctica de levar a cabo o seu pronunciamento eran coñecedores desde hai tempo, o que fai máis grave aínda o proceso de manipulación levado con persoas que de boa fe os apoiaron e saíron pacíficamente á rúa a reivindica-la independencia e tiveron que ver agora como á primeira de cambio o seu President sae correndo sin mirar atrás para poñer a salvo as súas posadeiras nun acto de covardía extrema.

Non digo que tivera que queimarse ao bonzo, nin tan siquera que tivera que empuñar unha arma como Salvador Allende cando Pinochet bombardeaba e atacaba o Pazo da Moeda en Santiago de Chile xa que non hai comparación posible, pero unha saída tan deshonrosa á francesa (é dicir, sin dicir nin adeus, nin sequera au revoire, xa que presume de saber idiomas) e aparecer en Bruxelas… Patético!

O malo xa non é só para el, nin para as teses soberanistas, senón tamén para os seus conselleiros e membros da Mesa do Parlament que entre hoxe e mañá terán que comparecer ante a xuiza encargada do asunto xudicial no que todo o mundo sabía que ía rematar este proceso tan mal levado e que lles vai a acarrear un auto inequívoco de "prisión preventiva" para, entre outras cousas impedir que os acusados de rebelión, sedición e malversación podan "sustraerse á acción da xustiza", cuestión que parece avala-la actuación irresponsable de Carles Puigdemont de fuxir cara Bruxelas e, da man dun avogado experto na defensa de terroristas da ETA, tentar dilata-lo procedemento, a súa comparecencia ante as autoridades xudiciais españolas e seguir co circo no que decidiu subirse hai tempo sobre a falla de imparcialidade do sistema xudicial e a baixa cualidade democrática do Estado Español.

En fin, Puigdemont demostrou pola vía dos feitos que a solidariedade individual e colectiva dos independentistas acaba xusto e cando consideran que poden estar en perigo os seus privilexios e intereses. Polo tanto, nestes días de Halloween, Puigdemont decidiu sacar a careta e despedirse de Girona antes de rematar en chirona a menos que atope algún xeito de aplicar o "truco ou trato" para saír deste engorro, ou non?

Comentarios