Opinión

Que parezca un accidente...

Cando nós eramos cativos, a chegada do verán era sinónimo de tempo de lecer, de acostarnos máis tarde e de disfrutar da televisión que, daquela, so se podía ver a pública nas súas dúas versións: La Primera e a Dúas. Lémbrome daquelas series que botaban nos anos 70 como Starsky & Huch, Koyak, Los hombres de Harrelson, etc. etc. eran produccións hollywoodienses baseadas no entretemento nas que sempre gañaban os bos... os policías.

Agora, cun amplio espectro de canles e gran diversidade televisiva, aínda que baixo unha concentración mediático-empresarial en torno a dous emporios, temos a posibilidade de asistir a producións de alto nivel, como Xogo de Tronos, ou de características máis modestas pero con gran despliegue de medios.

Eu estes días estou apostando polas canles de pago por internet, na súa etapa iniciática e gratuíta para ver si me deixo convencer. Concretamente, estou deixándome cautivar por House of cards, unha serie de Netflix que ten como protagonista a Kevin Spacy que interpreta a un ambicioso político que non se para en nada para acadar a súa ambición que non é outra que o poder agochado tras a vocación política, incialmente de congresista norteamericano, logo de vicepresidente para acabar como presidente dos Estados Unidos.

O argumentario é a mar de retorcido e o protagonista, non quero facer spoilers, válese de todo e de todos para acadar os seus obxectivos facendo bo aquel dito que reza: o fin xustifica os medios que, neste caso, non é outra cousa que acadar e exerce-lo poder absoluto sobre persoas e cousas.


Miren vostedes si teñen mentes quenturentas os guionistas de Hollywood que incluso fan cometer asasinato ao protagonista para silenciar a unha moza xornalista que podería poñer en perigo a súa carreira política e dar cos seus osos no cárcere.

Chegado a este punto digo eu: Será verdade aquelo de que "a realidade supera á fición" e si é así, podería darse semellante proceso dexenerativo moral e persoal nos nosos políticos como para chegar ata as últimas depravacións para consegui-los seus obxectivos?

Cando mirabamos películas de gansters a frase máis escoitada cando algún mafioso quería desfacerse dun rival ou dunha testemuña incómoda era decirlle a un esbirro de confianza aquelo de "desfaite del e que pareza un accidente..."

Agora, con estas series tan realistas e de proximidade a realidades cotiás, buscando quizais a complicidade do espectador casi como si estivera nun “reality show” vendo a actividade política por dentro, asáltanme moitísimas dúbidas e aínda máis inquedanzas sobre o noso sistema democrático, a cadea de favores e o equilibrio entre os poderes públicos que conforman o estado de dereito.

Son historias de fición que falan de corrupción, de tráfico de influencias, de todo tipo de abusos de poder e de componendas entre o establishment que un non pode pensar máis que son froito da capacidade creativa e retorcida dos guionistas.

Imaxínanse vostedes unha democracia occidental gobernada por persoas sen escrúpulos, que so buscan o seu beneficio persoal, o poder, o engano, a chantaxe, o intercambio de favores, os pagos en "B", os sobresoldos, comisións de investigación, operacións policiais, encarceramento de persoas que dirixen elementos sistémicos como entidades financeiras, grandes multinacionais ou incluso responsables políticos en exercizo?

Por outra banda, onte sacudímonos todos coa noticia da aparición, morto presuntamente dun tiro de rifle, de Miguel Blesa, condeado (en situación de apelación) no affaire das "Tarxetas Black" e tamén como un dos impulsores das famosas preferentes de Cajamadrid, así como doutra serie de decisións que provocaron a quebra desta entidade crediticia, das maiores de España, e que acabou sendo rescatada con milleiros de millóns de euros dos contribuintes españois. Algo insólito, non cren?

En fin, a verdade é que non, non me podo imaxinar en que sociedade avanzada pode ocurrir este tipo de cuestións que enumerei antes e só poden ser un invento dun fato de guionistas de mentes quenturentas e, no caso de Blesa, seguro que debeu ser un accidente, ou non?

Comentarios