Opinión

Que tomas? Eu, unha PCR con tónica...

O MUNDO DO LECER nocturno debe de ter os nervios destrozados por culpa da pandemia. Cando parecía que este verán poderían recupera-la normalidade para reactiva- la súa actividade, prodúcese a chegada de novos gromos que fan disparar as cifras de contaxios situando a incidencia da Covid-19 en Pontevedra nunha situación que obriga ás autoridades sanitarias a prender as luces vermellas e desatar tódalas alarmas.

A capacidade de aguante económica que teñen os empresarios da noite en Pontevedra só é comparable á fortaleza psicolóxica que atesouran para non tirar a toalla e adicarse, de xeito definitivo, a outra cousa. Despois de levar tanto tempo sendo vítimas dos efectos colaterais da pandemia seguen recibindo a cada pouco un golpe que fai que as súas esperanzas volvan irse ao traste. Entendo perfectamente a un amigo meu que está totalmente desquiciado e a cousa non é para menos. Agora que parecía que no verán poderían refacerse un pouco das penurias pasadas, os datos epidemiolóxicos volven obrigar ás autoridades sanitarias a pensar novas medidas restritivas para o sector do lecer nocturno. 

As últimas medidas adoptadas, feitas públicas pola Xunta de Galicia, falan de que os clientes que decidan acudir a un establecemento do lecer nocturno na cidade de Pontevedra terá que facelo dispoñendo dun certificado de vacinación total ou estar en posesión dunha PCR negativa realizada con 48 horas antes á entrada no bar, pub, chiringuito ou discoteca correspondente.

Unha nova dificultade para os establecementos do lecer nocturno que terán que velar polo cumprimento da norma de tal xeito que ao igual que cando eramos novos, os porteiros nos pedían o DNI para entrar en Equus, agora haberá que sumar como requisito do controlador do acceso ao recinto tamén si levamos ao día o certificado de vacinamento fronte á Covid-19 ou si dispomos dunha PCR recente.

Agora que parecía que no verán poderían refacerse un pouco das penurias pasadas, os datos epidemiolóxicos volven obrigar ás autoridades sanitarias a pensar novas medidas restritivas

Non descartemos nada e ao igual que nos nosos tempos se vendía a entrada a Equus con dereito a consumición, non nos estrañe que durante este verán os establecementos de copas se volvan inxeniosos e para atraer ao público xuvenil fóra dos circuitos de vacinación postos en marcha polas autoridades sanitarias non vaian cambiar a "hora feliz" ou a "segunda copa de balde" por unha "PCR gratis". 

Todos somos conscientes de que o paso do tempo vai mudando os hábitos e mesmo os modos de lecer da mocidade e da xente en xeral. Atrás quedan aqueles anos de saír a tomar algo á zona de viños de Pontevedra, á rúa Isabel II e anexos á rúa Real ou mesmo a tomar as típicas pasas no Ríos ou no Cisne (eu fun máis do Cisne e o "xamón de mono") os ribeiros á Navarra, as patacas bravas no Rebusco, etc., etc. 

A zona vella de Pontevedra mudou a súa faciana e aqueles establecementos onde convivían e consumían por igual xente de tódalas idades foron adaptándose aos novos tempos e as tabernas foron dando paso aos novos pubs e a zona dos viños transformouse na nova zona de copas con outro estilo e outra clientela. Adaptarse ou morrer, unha máxima que segue vixente hoxendía… 

Polo tanto non nos debe extrañar nada si nun destes días, ao pasar por diante da porta dalgún destes establecementos da Zona Vella, en lugar de escoitar "unha de bravas que paga Manolo", oímos "ponnos unhas cervexas e unhas PCRs para todos que pago eu". 

E, si analizamos os novos modelos de interaccionar para reactiva-las relacións interpersoais seguro que tamén sufren certo cambio pasando do tradicional "estudias ou traballas?" á nova normalidade na que un interlocutor lle di ao outro: "proceso completo de vacinación ou PCR?" Farase normal escoitar aquelo de "que tomas? PCR con tónica". Sentidiño! Menuda nos espera, ou non