Opinión

Quen che mandou tocar que che pague…

A medida que vai avanzado o periodo de confinamento da poboación por mor da pandemia provocada polo coronavirus e imos coñecendo as medidas que vai tomando o Goberno Central máis vai medrando en nós (pese ao que insinúe ou afirme descaradamente o CIS) un sentimento que podemos cualificar, cando menos, de incerteza ante os momentos futuros que se nos aveciñan. 

Sen querer entrar en disquisicións sobre si se actuou ben, mal, regular ou pésimamente desde o punto de vista sanitario, o que si me gustaría abordar hoxe son as medidas de carácter social ou asistencial que desde os sucesivos consellos de ministros se van aprobando para o común coñecemento e aplicación da cidadanía. 

O decreto de suspensión de actividades económicas non esenciais na súa aplicación ten unha serie de contraindicacións (non dubido que non foran intencionadas) a priori imprevistas que están a provocar graves perxuizos a moitas familias que se ven afectadas pola aplicación directa das mesmas. 

Se comezamos polos chamados ERTEs (Expedientes de Regulación Temporal de Emprego) vemos que na súa posta en funcionamento a realidade desbordou por completo as previsións dun goberno que se revolve entre disputas internas sobre quen apadriña tal ou cal medida e, polo tanto, no caso de ser existosa quen leva os loureiros e os méritos. Como todo o mundo sabe, o éxito está cheo de pais e padriños e o fracaso é sempre orfo. 

Xa cando comezabamos a coñece-las primeiras cifras dos ERTEs e das empresas que reducían plantilla ao albur das medidas adoptadas para conxela-la actividade económica propostas polo Goberno iamos adiviñando ou prognosticando cales ían ser as consecuencias, que pasaban forzosamente polo colapso, máis cedo que tarde, das estruturas administrativas do Estado (tamén das comunidades autónomas) afogadas no papeleo garantista e farragoso que soe acompañar este tipo de trámites e disposicións. 

Dito e feito, uns catro millóns de traballadores víronse implicados nalgún proceso relacionado cos ERTEs ou coa finalización do seu contrato laboral provocando no colo de botella habitual das oficiñas de emprego un atranco de “padre y muy señor mío” facendo que os retrasos nos cobros das prestacións e axudas pactadas no seo do goberno se convertiran nunha especie de quimera inalcanzable. 

A día de hoxe en Galicia hai máis de 200.000 traballadores afectados por un ERTE e pese a que a Xunta ten tramitados positivamente máis do 90% deles, o SEPE (Servicio Públio de Emprego Estatal) conta por milleiros o número de persoas que aínda hoxe teñen sen cobrar ningún tipo de prestación provocando unha tensión de tesourería familiar de tamaño inconmensurable o que obrigou ao goberno de Núñez Feijóo a negociar cos bancos un sistema de anticipos por importe máximo de 1.500 euros (750 ao mes) por persoa mentras non acaban de chegar eses subsidios do Goberno Central. 

Seguimos ante unha política de xestos e de intencións pero de nula plasmación práctica á hora de resolver problemas concretos

Seguimos por tanto ante unha política de xestos e de intencións pero de nula plasmación práctica á hora de resolver problemas concretos. De nada serviu centralizalas compras de material sanitario si, a día de hoxe (xa sen entrar nas polémicas sobre os test fake inútiles ou a falla de eficacia das mascarillas) so chegan a Galicia desde o Goberno Central o 10% escaso de todo o material preventivo que se leva usado neste proceso sendo a Xunta a encargada de ter que buscarse as castañas para provisionar ao personal sanitario dos elementos fundamentais para protexerse do Covid-19. 

Tres cuartos do mesmo pasou co anuncio de que se ían destinar máis de 600 millóns de euros (uns 32 a Galicia) ás comunidades autónomas para facer fronte aos gastos extraordinarios derivados da loita contra o coronavirus si para elo non so non se devolven a Galicia os casi 300 millóns sisados do IVE e demais que lle leva solicitado o goberno de Feijóo desde hai meses, senón que deducen dos plans de vivenda xa adxudicados na súa gran maioría, uns 100 millóns xa concedidos provocando novas tensións de tesourería que acaban por limitar ao máximo non so a capacidade de acción da administración autonómica senón que tamén poñen fin á liquidez tan necesaria para acudir a mercados exteriores na procura do material que fai falta e tamén para incentiva-lo capital circulante a través do pago aos proveedores. 

Non se trata de facer leña da árbore caída, pero desde logo a este goberno dáselle moi mal pasar de predicar a ter que dar trigo e o que é máis grave esta causando unha imaxe externa do noso país moi lamentable, de feito, estudios independentes realizados no estranxeiro falan de que España é un dos países que peor xestionaron a crise sanitaria ocupando postos cercanos ao 100 nun ranking de estados de todo tipo. 

Desde logo parece que o Goberno Central se mantén alleo a aquel vello dito que reza: "Gaiteiro, gaiteiriño, quen che mandou tocar que che pague", ou non?

Comentarios