sábado. 24.07.2021 |
El tiempo
sábado. 24.07.2021
El tiempo

Unha rata abandona o parlamento andaluz

A utilización da palabra "rata" vai sempre unida a un concepto pexorativo dunha persoa pola actitude amosada durante a súa vida ou polo seu proceder. Este término non é extraño ao mundo da política e menos aínda nestes tempos onde anda todo revolto.

Tiñamos escoitado falar do rato de biblioteca, o rato de campo ou mesmo da rata de sumidoiro, pero ata o momento non tiñamos moitas referencias sobre a rata de parlamento. Certo é que cando hai momentos de crise, incertidume e mesmo cismas políticos, cando alguén se pasa ao grupo mixto ou mesmo cando se producen situacións de transfuguismo ou algunha que outra disidencia que acaba en excisión, escoitamos que se utilizan termos despectivos como que as "ratas abandonan o barco".

Pois onte tivemos a ocasión de ver en vivo e en directo un episodio que, seguro, quedará para os anais do parlamentarismo español e andaluz, sobre todo. Cando na cámara andaluza se estaba a votar a designación de Susana Díaz como senadora por designación autonómica, a sesión tivo que ser bruscamente interrumpida polos berros que as súas señorías proferían desde as súas bancadas no momento en que unha rata king size decidiu abandonar o estrado e cruzar polo hemiciclo ante a mirada atónita dos membros da mesa do Parlamento e o grito agudo da presidenta da institución, Marta Bosquet, que non saía do seu asombro.

Nada puido facer o servicial uxier posto que a habilidade, a velocidade e o alto coñecemento do lugar por parte da rata fixo que se librara de ser capturada

Os representantes da soberanía popular andaluza que non estiveran atentos ao acontecido preguntaban aos seus compañeiros ollipláticos que era o que pasaba. A resposta era unánime: "Mira, mira, aí vai unha rata!". Algún que outro despistado non deixaba de mirar cara Susana Díaz pensando que o seu compañeiro de bancada era un pouco exaxerado e que a democracia é así, cando un perde ten que deixar o seu sitio e ocupar o posto que lle corresponde e no que lle colocan os acontecementos e os compañeiros de partido.

A confusión foise extendendo como unha mancha de aceite no mar e os chascarrillos nun ambiente especialmente abonado para elo, como o andaluz, non deixaron de medrar e de levar a imaxinación das súas señorías por camiños insondables tomando como principio inspirador os enfrontamentos político-persoais entre Pedro Sánchez e Susana Díaz.

A cousa non era para menos xa que estamos a falar de exemplares de grande envergadura…

O certo é que as ratas king size son exemplares de gran tamaño que soen moverse con facilidade polas cloacas e calquera outro recuncho pouco saudabre. O que máis e o que menos pensaría na afinidade dalgunha das súas señorías cos hábitos e costumes destes roedores.

Para solventar a situación, algún que outro uxier rápido e expeditivo non dubidou en armarse de valor e perseguir ao roedor armado cunha vasoira coa esperanza de ser el quen capturara á rata ou polo menos converterse nun efímero heroe por ser quen de escorrentar o impertinente lirio que se atreveu a perturbar a paz e o status quo do parlamento andaluz.

Nada puido facer o servicial uxier posto que a habilidade, a velocidade e o alto coñecemento do lugar por parte da rata fixo que se librara de ser capturada. En fin, "Manolete se non sabes torear para que te metes", foi o máis suave que escoitou o mozo dos seus compañeiros, incluído un en idade próxima á xubilación que coa parsimonia e a calma que dá a experiencia díxolle: "Zapatero, aos teus zapatos".

Dito e feito. Ao final, os funcionarios tomaron a sabia decisión de chamar a unha empresa exterminadora especializada en dar caza aos roedores poñendo fin á aventura dunha rata que se atreveu a pasear impunemente xunto ás cadeiras das súas señorías pasando a formar parte do anecdotario político do noso país deixando marcada na nosa memoria para sempre que durante a votación para enviar a Susana Díaz como senadora por designación autonómica pudemos ver como unha rata fuxiu por salvar a súa vida, ou non?

Unha rata abandona o parlamento andaluz
Comentarios
ç