Opinión

Os rockeiros nunca morren...

DÍCESE MOITAS veces que non podemos facerlle caso a todo o que nos contan e algo parecido pasou coa noticia que percorreu gran parte do mundo civilizado que falaba de que dous anciáns se fugaran dunha residencia da terceira idade en Alemaña para asistir a un festival de heavy metal, o famoso Wacken Open Air, ao non contar coa presunta autorización dos responsables do centro xeriátrico para que os amantes do rock duro puderan ir a contemplar un concerto dos seus ídolos de mocidade.

Sin ánimo de botar por terra aquel vello dito que se asocia ao mundo do xornalismo e que reza: “Non deixes que a verdade te estropee un bo titular” nesta ocasión hai que dicir que nin os protagonistas desta noticia eran tan maiores (58 e 59 anos) nin se fugaron de ningunha parte para asistir á actuación de Judas Priest, Danzig ou Sepultura, entre outros protagonistas do mítico festival de rock duro.

A realidade era que estes dous individuos, que si eran internos nunha residencia da localidade xermana de Wacken, de 1.800 habitantes, perderan o tren de regreso e, por ter afectadas as súas facultades mentais, atopábanse en situación de confusión extrema cando os localizou de madrugada a Policía. Despois de clarexa-la situación foron introducidos nun taxi con destino á residencia de Wacken sin maiores consecuencias.

En fin, que era unha historia curiosa e bonita, digna de se convertir en base para o guión dunha distendida comedia de Holliwood, pero nada máis. Quen sabe si deste suceso non se deriva unha próxima película taquilleira con este asunto como liña argumental…

Pero falando de vellos rockeiros, que nunca morren, o meu maxín lévame a pensar en Miguel Ríos, aquel mítico cantante andaluz dos anos da Transición que marcou unha ou varias épocas no noso país. Tamén me ven á cabeza, desde unha óptica arousá, esa frase para facer referencia aos vellos narcotraficantes como Manuel Charlín Gama que, aos seus 85 anos, volveu ser detido nunha macrooperación antidroga levada a cabo pola Policía Nacional polo alixo de dúas toneladas e media de cocaína. Na redada tamén caeron outros míticos dos anos dourados de Charlín e Sito Miñanco como Jacinto Santos Viñas e Jose Andrés Bóveda Ozores, alias Charly.

Desde logo, e mantendo a presunción de inocencia por diante neste tema, moitas son as persoas en Arousa que non cren na capacidade de reinserción na sociedade dos narcotraficantes que como Manuel Charlín e Sito Miñanco seguen a sucumbir, presuntamente, á tentación do diñeiro doado froito da introdución nas nosas costas do veleno da droga.

Publicaba neste mesma sección de Diario de Pontevedra, no momento de máximo apoxeo de Fariña, a serie televisiva de Antena 3, que se estaba a producir en gran parte do país unha especie de síndrome de Estocolmo consistente nunha indebida e perigosamente falsa simpatía entre o público en xeral polo cariño que moitos lle temos ás persoas (actores) que encarnaban eses personaxes para a ficción televisiva (Carlos Blanco, Morris e Pepo Suevos, especialmente), pero que podían eclipsar inconscientemente a triste realidade que se oculta tras esas vidas “de película” e de “aventura” transgresora diante das forzas e corpos de seguridade do Estado, confundindo a realidade coa ficción, neste caso televisiva.

A realidade que hai de fondo na historia como a de Fariña é a de auténticos delincuentes que arruinaron e destrozaron a moitas familias por culpa da lacra da droga e un país que sufre as consecuencias dun enriquecemento persoal aloucado a costa da vida e da imaxe dunha comarca como a de Arousa que non acaba de desprenderse dun Sambenito que máis que unha penitencia lle ocasiona unha auténtica condea, unha cadea perpetua que, polo que se ve, parece non revisable.

E, precisamente, segue aberto na sociedade en xeral o debate sobre a necesidade ou non de aplicar penas de cadea perpetua revisable en función da nula capacidade reinsertora e reeducativa que lle dá en España ás institucións penitenciarias, á gravidade do delicto en cuestión e á falla de arrepentimento do reo.

Non sei si ante este tipo de reincidencias demostradas por parte dos grandes capos da droga galegos houbera que replantearse tamén neste tema o de aplicar condeas máis severas ou medidas de seguemento especial para aquelas persoas relacionadas cos grandes delictos de narcotráfico (tamén de violación, pederastia, abuso de menores, etc.) que, polo que se ve, presuntamente teñen poucos visos de se reinsertar na sociedade e deixar de lado a súa actividade delictiva, ou non?

Comentarios