Opinión

Roubarlle protagonismo á Revolución dos Caraveis...

A XORNADA deste mércores estaba pensando en adicarlla á reflexión política cun artigo, neste xornal, sesudo e cargado de seriedade sobre o que representou a Revolución dos Caraveis non só para Portugal senón tamén para Galicia e España. A miña intención era lembrar como naquela época a política con maiúsculas axudou a mudar de situación aos dous estados ibéricos da man de actuacións valentes, decididas, arriscadas, pero sempre desde a defensa á liberdade, aos dereitos humanos e á lealdade aos intereses xerais da poboación.

Estaba eu lembrando a aqueles persoeiros da Transición que, pese ás súas enormes diferencias, foron quen de tende-las mínimas pontes suficientes para que o que facían pagara a pena. Non entro a valorar nin ideoloxías nin posicionamentos, pero si quero salientar que se facía política de altura. Había retórica, argumentación, proposta, alternativa, diálogo construtivo, vontade de pacto e ata optimismo idealista que fixo que se conseguiran maiores logros e consensos dos inicialmente previstos. Non nego tampouco os atrancos e os distintos niveis de participación e de implicación dos actores protagonistas do momento…

Era unha acción política polo cambio, polo avance social e pola liberdade do pobo cunha vontade clara de servizo público tentando deixar atrás vendettas persoais e liortas do pasado para mirar cara ao futuro. Cada quen á súa maneira. A maioría dispostos a non esquecer, pero tampouco a vivir no continuo enfrontamento estéril e sen senso no que se convirte a política actual onde non se avanza nada máis que a golpe de titulares sonroxantes no telediario para maior escarnio da clase política, o aumento do desencanto da poboación e un labirinto de indignación do que non damos saído.

Así, hoxe en lugar de falar da Revolución dos Caraveis e de persoeiros como Otelo Saraiba de Carvalho, Mario Soares, Álvaro Cunhal, o alzamento pacífico dos militares dirixidos por aqueles capitáns do exército portugués ou o propio cantautor Zeca Afonso e o seu mítico "Grândola, Vila Morena", estamos máis pendentes de Cristina Cifuentes e a súa demisión "adiantada" por mor dunha estocada, máis ben polo "descabello" (si fora unha morte digna e ata piadosa habería que falar da arte do uso da «puntilla», pero creo que non era o caso nin o desexo do promotor do axustizamento) ao que foi sometida pola emisión e difusión dun vídeo de hai 7 anos cando a pillaron mangando dous botes de crema facial antiengurras… Que diferencia!

Sin querer aburrirlles a todos vostedes co «caso Cifuentes» (xa sobradamente coñecido por vostedes desde hai 35 incansables días) e a súa polémica polo do presunto máster falso e demais, gustaríame que se fixaran so nun detalle para entender como é o nivel de degradación da política no Estado Español onde non interesa para nada nin os proxectos de futuro, os programas, as accións de goberno, as propostas, os modelos de país, as pensións presentes ou futuras ou ao que se está a discutir no resto dos países avanzados de democracias do norte europeo, senón que seguimos no autoconsumo amortecedor das vergoñas e as miserias dunha clase política na que todo lle vale para seguir ocupando determinadas cuotas de poder sin importarlle a ninguén nada agás os seus obxectivos persoais.

Así, estamos ante un modelo de política baseado na "coitelada trapeira polas costas" e onde todo vale con tal de afundir ao teu inimigo (xa non rival) desde o punto de vista persoal porque a política, sí, a política con maiúsculas, non lle interesa a ninguén e non é mediático, non é "trénding tópic" porque o que se leva agora é o "reality show" ao estilo dos Xogos da Fame onde só pode quedar un, o que teña menos escrúpulos, o mellor, o máis forte, o máis canalla, o máis miserable e o máis traicioneiro… Que se pare o mundo que eu quérome baixar!

Báixome canto antes. Así o digo con franqueza e sinceridade. Non me sinto cómodo e, si teño que falar de roubos, prefiro botarlle unha ollada á actualidade onde vemos, como sempre, que a realidade supera á ficción. Así, podiamos ler nas axencias de noticias como nun xulgado de Ourense se chegaba a un acordo para que un árbitro, de categoría de veteranos, que para máis inri é garda civil, aceptara unha condea de nove meses de cárcere e unha multa de casi 3.000 euros por roubar nos descansos dos partidos nos petos dos xogadores aos que o colexiado arbitraba no campo (que ironía do termo…) alegando un ataque irrefrenable por ir aos servizos dos vestiarios onde, ao final e con perdón, acababa cagándoa, ou non?

Comentarios