Opinión

Saír para votar antes das vacacións

Unha nova prórroga aprobada no Congreso ata o vindeiro 24 de maio co respaldo, case "in extremis" de Ciudadanos e do PNV e cunha máis que significativa abstención do Partido Popular que evidencia a soidade na que cada vez máis se atopa o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, refén de mil e un compromisos que fan cada vez máis complicada a súa postura e visibilidade gubernativa. 

Pese a isto, o presidente Pedro Sánchez insinuou que o de recupera-la normalidade total aínda vai para lonxe e fala de volver prorrogar o Estado de Alarma polo menos un mes máis para ter garantías suficientes de que o da pandemia vai camiño de se controlar de xeito definitivo, polo menos antes de que veña un máis que probable (segundo os expertos sanitarios) rebrote epidemiolóxico no vindeiro outono-inverno. 

Estando así as cousas e cunha ameaza permanente sobre o futuro económico do noso país, as présas para que se decrete canto antes o levantamento de todo tipo de restriccións co fin de que se reactive o consumo, a produción e flúa o carto, xunto ao hastío, empurran a distintos sectores da sociedade a reclamar o levantamento definitivo do Estado de Alarma e buscar noutros modelos sanitario-administrativos corrixir calquera «rebrote local» que se poida producir en calquera territorio para tentar resolvelo da mellor maneira posible sen seguir co deterioro galopante da economía. 

Neste contexto é onde hai que entende-las demandas de moitos presidentes autonómicos e partidos que evidencian con maior claridade a soidade política na que se atopa o goberno de Pedro Sánchez. Entre os responsables autonómicos atópanse os seus socios nacionalistas cataláns e vascos e, por outros motivos, tamén o titular da Xunta de Galicia que considera que o ritmo da pandemia na nosa Comunidade vai a un ritmo distinto (máis controlado e menos virulento) que no resto do Estado, o que recomendaría tamén un tratamento distinto e diferenciado enfocado a un levantamento a curto prazo das restriccións que determina o Estado de Alarma. 

Se todo vai sobre o previsto sairemos do confinamento para votar e coa vista posta en volver coller vacacións en agosto ante as dubidosas perspectivas positivas e de futuro que nos agarda a economía no noso país

Todo isto tamén hai que velo desde a perspectiva dos distintos procesos electorais que se atopan "suspendidos" (aprazados sen data prevista) por mor da irrupción do coronavirus que provocou que se adiaran os comicios, xa convocados, no País Vasco e Galicia. En Cataluña, cos orzamentos aprobados como pedía Joaquim Torra, está pendente de concretar data para unha lexislatura esgotada desde hai demasiado tempo e que agora se fai tamén insostible ante o xiro dramático que está a provocar nesa comunidade histórica os efectos da pandemia. 

Parece que o apoio do PNV a esta nova declaración do Estado de Alarma vén motivado por un compromiso implícito de ter todo listo para que os comicios vascos se celebren na segunda quincena de xullo, xusto antes de que comecen as acostumadas vacacións estivais de agosto (este ano veremos como se desenvolve este asunto) nun momento no que os politólogos consideran moi propicios para que as opcións gobernantes conten cun plus electoral se se levanta o confinamento e volve certo optimismo á cidadanía. 

Nese ambiente é onde se move de xeito discreto Alberto Núñez Feijóo que ten en Íñigo Urkullu un "aliado" que lle sirve de coartada para os seus lexítimos intereses xa que a posibilidade, ou non (eu creo que si) de ir xuntos ás urnas favorecería esa convocatoria de mediados-finais de xullo que, a priori, favorecería tamén ao presidente do PPdeG para quen as valoracións e as enquisas que se están facendo farían pensar que sae moi ben parado da crise sanitaria toda vez que a reacción da Xunta de Galicia ante o Covid-19 está sendo moi ben valorada polo conxunto da cidadanía, moi por enriba do goberno socialista de Pedro Sánchez que na improvisación e nun rumbo errático teñen os seus sinais de xestión máis característicos. 

En fin, que se todo vai sobre o previsto sairemos do confinamento para votar e coa vista posta en volver coller vacacións en agosto ante as dubidosas perspectivas positivas e de futuro que nos agarda a economía no noso país, o que vai supor un auténtico varapao para o conxunto da sociedade que ve con máis recelo que a crise do 2008 o que se nos aveciña. 

Ante isto, calquera opción política gobernante considera máis satisfactorio que se lle faga un exame sobre o realizado que sobre a política de futuro que poida aplicar moi marcada por unha máis que presumible crise económica dramática que pode levar por diante gran parte do tecido produtivo e, sobre todo ás pequenas e medianas empresas e autónomos, auténticos motores e xeradores de emprego nas nosas vilas e cidades, ou non?

Comentarios