Opinión

Sánchez, da moda do Aquarius ao ostracismo de Open Arms

UNHA DAS características fundamentais dos gobernos socialistas ao longo da historia recente do noso país é a de mudar rapidamente de plantexamentos en función de si se está na oposición ou no goberno. Lembremos para elo ao mítico Felipe González e aquel famoso OTAN NON que lle levou a gañar, entre outras cousas claro, as eleccións no ano 1982, a ter que envaina-la co famoso OTAN de entrada non e ao final, de saída tampouco, aínda que para eso houbo que convocar o derradeiro referendo do noso país e poñer toda a carne no asador para que o resultado non supuxera un problema para o estrenado goberno socialista ante os nosos aliados de Occidente.

Sería moi latoso ter que lembrar outros episodios posteriores con José Luis Rodríguez Zapatero como protagonista (conxelación das pensións e os salarios dos funcionarios públicos ou mesmo a modificación da Constitución para cumprir cos obxectivos do déficit marcados polos homes de negro da Unión Europea…) ata chegar agora á era do “resistente” Pedro Sánchez.

O presidente en funcións que basea toda a súa acción política na procura da súa permanencia como inquilino da Moncloa tennos acostumados a falar de xeito bipolar ben sexa o líder do Partido Socialista quen se dirixa a nós ou o cidadán Pedro Sánchez, segundo nos revelou no seu día a súa vicepresidenta, Carmen Calvo.

Sirva este preámbulo para que entendamos, se é posible, porque hai casi un ano, cando chegou ao poder Pedro Sánchez, era xusto e necesario acoller en porto seguro en España (Valencia) aos inmigrantes rescatados polo Aquarius e agora, meses despois, é un desatino facer o propio cos indocumentados rescatados polo Open Arms. Naquel momento concreto tratábase de dar un golpe de efecto, facer un xesto á comunidade internacional e, sobre todo, retratarse como o novo paladín das causas xustas e sociais como rescatador, defensor e batallador a prol dos desamparados... en fin, que o tema estaba de moda e a foto vendía.

Desde logo si hai una frase que defina máis claramente a política socialista dos últimos tempos é aquela que fai referencia a onde dixen digo, digo Diego, como xeito de explicar temas tan sensibles como o da inmigración, a reforma laboral, a política territorial ou mesmo a política de alianzas á hora de obter segundo un ou outro goberno autonómico ou foral se trate.

Estando así as cousas, miro con preocupación e dor a situación dos centos de emigrantes indocumentados rescatados no Mediterráneo que levan máis dunha ducia de días hacinados no Open Arms, en situación de extrema precariedade e cun futuro incerto. Son seres humanos ubicados, por desexo das superpotencias da zona, nunha especie de limbo xurídico onde os Dereito Internacional e os Dereitos Humanos brilan pola súa ausencia debido á súa condición de pertencer aos parias da terra e non ter a ninguén que os defenda.

Imaxínanse vostedes que o Open Arms ou o Aquarius rescataran en lugar de a un grupo de persoas nun cayuco ou nunha desas lanchas semiríxidas ateigadas de subsaharianos recolleran aos tripulantes ou pasaxeiros dun deses iates enormes ou cruceiros, tipo Costa Concordia, e foran subidos a bordo como náufragos no mesmo lugar, na mesma travesía... cren vostedes que habería algunha dúbida sobre o seu rescate e traslado a porto seguro de xeito inmediato?

Pois aí está a chave do tema. As persoas, os seres humanos, son iguais independentemente da súa raza ou relixión, do seu país de orixe ou da súa capacidade económica porque doutro xeito estariamos poñendo en serio risco todo aquelo no que cremos como sociedade e todo fundamento xurídico de calquera sistema democrático.

Mentras non nos deamos conta de que o quid da cuestión radica aí, nesa circunstancia, e mentras non sexamos quen de centrar o problema non atoparemos a solución que ten que dar resposta a unha cuestión básica e fundamental como que os seres humanos somos todos iguais ante a lei e ante nós mesmos, independentemente de onde se resida ou de onde se proceda, ou non?

Comentarios