Miércoles. 26.06.2019 |
El tiempo
Miércoles. 26.06.2019
El tiempo

Se non é... parece

NOS ÚLTIMOS tempos tan revoltos da política parecera que todo vale. Xa sei que é un tópico e a xente comeza a pensar que a mala praxis en lugar de ser a excepción que confirme a regra se acabe convertindo na norma habitual do comportamento dos representantes públicos alonxándonos, con este xeito de proceder, aínda máis dos parámetros das democracias avanzadas do norte de Europa.

Non me estou referindo aos manidos casos de corrupción, que xa son un clásico, senón que me centro na manipulación continua do persoal a través da utilización subliminal, ou non tanto, dos medios de comunicación e as redes sociais (sobre todo estas últimas) para saltarse á toureira a Lei Orgánica do Réxime Electoral (Loreg) que delimita moito e moi claramente o que se pode facer e o que non desde as institucións públicas en periodos previos a unha consulta cidadá en urna.

Acabamos de empezar, como quen di, e xa hai exemplos dabondo que van desde o típico perfil oficial de facebook que en lugar de informar de actuacións ou actividades de interese cidadá se acaban convertindo en claros altofalantes e mercadeo político de venda de obras, inauguracións veladas, etc. ata outras cousas de maior calado como a colocación dos consabidos lazos amarelos e estreladas (tamén fotos e frases alusivas aos políticos cataláns presos) nos edificios oficiais da administración local e autonómica de Cataluña.

O principio básico de calquera democracia é a igualdade ante a lei e unha norma idéntica para todos, sen excepción. Non vale esgrimi-la vontade popular ou un mandato supremo do pobo para tentar lexitimar unha actuación que vulnere directamente as regras de xogos que nos dimos a nós mesmos a través da promulgación de leis desde o poder lexislativo.

Se esas leis non respostan ás necesidades dunha sociedade ou ben se consideran inadecuadas ou obsoletas, os seus representantes públicos están lexitimados para emprender o camiño da modificación ou da supresión, sempre contando cos mecanismos legalmente previstos e o refrendo posterior da cidadanía, no caso de que a norma modificada sexa de rango superior e precise do pronunciamento popular. Mentras tanto... café para todos.

Así e todo, estamos pendentes sobre o grao de cumprimento que terá o Govern da Generalitat, e máis concretamente Joaquim Torra, coa orde de retirar tódolos lazos amarelos, as estreladas e os retratos dos políticos presos dos edificios oficiais de Cataluña. Estamos, de novo, expectantes a ver si se produce un novo episodio de desobediencia, movemento evasivo ou, pola contra e de xeito sorpresivo, o cumprimento a raxatáboa do mandamento xudicial-electoral.

Por outra banda, coa chegada do Consello de Ministros dos venres seguiremos atentos ás novas medidas de carácter social que tomará, por decreto, o gabinete de Pedro Sánchez que, lonxe de pretender ser electoralista, quere amosar un nivel de compromiso cidadá ata o momento descoñecido...

Todo ben, agás que non lles queda máis remedio que subirnos a partir do mes de abril o recibo da luz (como xa estaba bastante baixo...) por, segundo palabras da ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, evitar que acusen ao seu ministerio e ao goberno de Pedro Sánchez de tomar medidas electoralistas.

Vale. Ata aí poderíamos chegar... Creo que a estas alturas do Belén os españolitos de a pie estariamos dispostos a perdoar que o goberno de Pedro Sánchez pecara de electoralista asumindo unha medida que, ao non aplicarse, suporá unha suba do 4% no recibo eléctrico para o común dos mortais.

Que comprensivo se amosa a ministra e o Ministerio de Transición Ecolóxica co sector enerxético español, un dos máis eficientes desde o punto de vista da rendabilidade económica dos seus propietarios, que ven como en aras dunha maior transparencia e competitividade no eido electoral, os socialistas non están dispostos a esixirlle novos sacrificios ás grandes operadoras enerxéticas do mercado.

Non terá esto que ver con que está próximo o remate do actual mandato do goberno de Pedro Sánchez e está á volta da esquina a posibilidade de que algún mandatario actual teña a oportunidade de entrar pola porta xiratoria dalgunha destas sacrificadas e esforzadas empresas do sector enerxético?

Desde logo ás veces parece que nos tomaran por tontos cum laude cando nós non pasamos de ser tontos normais, ou non?

Se non é... parece
Comentarios