Opinión

Señora, márquese un Puigdemont...

SI NO fora pola gravidade do tema, a cuestión da fuxida de Carles Puigdemont a Bruxelas daría para que a desbordante imaxinación dos cidadáns deste país acabaran por sacarlle o sentido do humor a un feito que resulta do máis preocupante. Así vanme permitir hoxe deixar de lado o habitual ton serio desta columna de opinión e estimula-lo seu cinismo e ironía con esta peza xornalística.

Advertíndolle de que calquera paralelismo ou coincidencia coa realidade é pura casualidade ou produto esaxerado de calquera mente quenturenta, gustaríame reflexionar sobre esa anciá galega, de 75 anos, que estes días saltou ás pantallas de televisión e que está sendo obxecto de seguimento nos principais canles mediáticos do país por levar máis de medio século conducindo sin dispoñer de licencia administrativa para facelo, o famoso carné.

A señora insiste en que está sendo obxecto dunha persecución insufrible por parte do aparato represor do Estado que, incluso, se atraveu a inmobilizarlle o seu propio vehículo, mercado co seu esforzo aforrador e grazas ao seu dereito a decidir que modelo e color podía elixir para un utilitario de gama modesta en función da capacidade adquisitiva da súa economía particular.

Esta experimentada conductora sen carné está sopesando a posibilidade de internacionalizalo seu conflicto e aproveitar que cada quince días vai a Portugal a mercar unhas toallas á feira de Valença para quedarse un par de días nun hostal fronteirizo e poñer a salvo o seu vehículo da acción directa do Estado Español e da Xustiza, na que non confía por tela enviado hai non moito tempo a ter que facer uns cursos de fin de semana sobre seguridade vial.

A irreductible presunta infractora asegura que ten dereito como calquera a poder desprazarse libremente polo territorio nacional, pero que agora as súas pernas xa non son o que eran e precisa do seu vehículo para atende-los seus quefaceres particulares e poder tamén visitar aos seus familiares que os ten diseminados entre Ourense e Ferrol, a súa terra natal. Asimismo, non se ve concitada pola lexislación española que neste tema parece ser demasiado estricta para comprender as ansias de autogoberno persoal que amosa esta señora desde que, alá polo ano 1963 e en plena dictadura machista do xeneral Franco sacouse o permiso de conducir tras supera-las esixentes probas dun enxeñeiro, de apelido Amor, que en nada fixo honra ao seu xentilicio e a someteu a un terceiro grao que, segundo di, superou con creces.

Agora, foi descuberta na súa eiva por un pequeno incidente sin importancia cando rozou a outro vehículo co seu coche, ao saír do garaxe onde tiña estacionado a seu utilitario desde había moitos meses xa, pero a tentación (que sempre parece estar pendente de un para facelo pecar), fixo que subira no seu automóbil para dar unha voltiña e sentirse novamente libre ao volante.

O problema non foi o rasguño que lle deu ao vehículo, nada que o seu don de xentes e dialéctica non pudera solventar co propietario do coche danado, pero a xente que presenciou o percance, moi tiquismiquis, enleou tanto o tema que ao final acabaron por chamar á Policía que, nun claro exercizo desproporcionado das súas funcións constitucionais non so decidiu sancionar á presunta infractora senon que tamén lle confiscou o vehículo que está a pasar unha temporada no depósito municipal a un módico prezo de 7 euros diarios por dereitos de almacenaxe involuntaria. En poucos días, unha auténtica fortuna que ríome eu dos millóns que ten que depositar Artur Mas polo lío do 9-N…

En fin, a pobre anciá síntese vítima da incomprensión dun teórico estado de dereito que non entende as ansias de liberdade individual dunha cidadá que ve como as normas de circulación e as preceptivas autorizacións administrativas para disfrutar dun vehículo non só limitan o seu dereito a decidir senón ao seu propio autogoberno e independencia persoal.

Estando así as cousas, a esta señora so lle queda, como xa ten advertido, facer un plan de aforro para mercarse en canto poida un novo vehículo e poñer de manifesto ante a comunidade internacional a inxustiza da que é obxecto; acollerse á Quinta Emenda estadounidense para non ter que declarar nin examinarse de ningún permiso e marcarse así un Puigdemont en toda regra, ou non?

Comentarios