Opinión

Sexamos egoístas e vacinemos ao terceiro mundo

A medida que se achegan as datas do Nadal aumenta como si dunha espada de Damocles sobre as nosas cabezas se tratara o número de casos de contaxiados pola pandemia da Covid-19. Galicia atópase moi por debaixo da media española en canto á incidencia da enfermidade e en canto ao número de persoas ingresadas en centros hospitalarios, pero aínda así as cifras son para telas en conta. 

O sector da hostalería segue sen pegar ollo pendente dos boletíns oficiais para coñecer o alcance das medidas que se vaian artellando para loitar contra a Covid e que acaban sempre pasándolles factura dun xeito despiadado sobre o seu modus vivendi sendo o principal colectivo de damnificados polos danos colaterais. 

Así, cando en tempos pasados, o son do teléfono significaba unha chamada á esperanza para os profesionais da hostalería que tiñan nas reservas de xantares e ceas de Nadal un elemento fundamental para pechar con éxito un duro ano de traballo; agora, pola contra, cada vez que se escoita sonar o inalámbrico aparece en escea unha psicose e un aumento do estrés pola incertidume de saber si quen chama o fai por calquera outra cousa ou si, pola contra, é para dar conta dunha cancelación, outra máis… 

Mentres tanto, en Santiago de Compostela, capital da galeguidade universal, destacados políticos e empresarios de España e Latinoamérica xuntábanse estes días para reflexionar en torno á XXVI Reunión Plenaria da Fundación Círculo de Montevideo: O mundo en pandemia. Ex presidentes de goberno como Felipe González (España), Ricardo Lagos (Chile) ou Julio María Sanguinetti (Uruguai), xunto a caras coñecidas do mundo empresarial como o mexicano e todopoderoso Carlos Slim, mantiñan agradable conversa co presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, para determinar cal sería o mellor camiño a emprender pola humanidade para librarse desta pandemia que dura xa demasiado e parece non rematar nunca, pese a ternos administrado dúas, tres… cantas doses farán falla? 

A estas alturas do Belén as empresas farmacéuticas privadas teñen máis que amortizado o seu investimento e o seu loable esforzo investigador

Deixando a un lado aos negacionistas, moitos son os que comezan a preguntarse sobre a verdadeira eficacia das vacinas e cal delas resulta máis eficaz a raíz do aumento de casos detectados nos últimos días aínda sen chegar, de forma masiva, a nova variante, a ómicron, de orixe presuntamente sudafricana, pero da que xa se tiñan noticias dela en Holanda hai máis dun mes sin que ninguén dixera nada… por si acaso. 

O proceso de mutación do virus é unha constante que nos leva a percorrer por completo o alfabeto grego e que vén a demostrar que mentras non adoptemos unha solución global e un compromiso activo como humanidade non temos nada que facer e seguiremos correndo un grave risco sanitario de consecuencias imprevisibles. A razón disto está na capacidade mutante do virus entre a poboación non vacinada e que pode chegar a desenvolver elementos de resistencia fronte ás vacinas que nos estamos administrando a través dos sistemas públicos de saúde. Así, de nada nos servirá inmunizarnos contra os primeiros coronavirus si dentro duns días ou duns meses xurde no lugar máis recóndito do mundo unha nova variante máis forte e resistente aos xa coñecidos. 

Parece que está científicamente demostrado que o efecto das vacinas está resultando eficaz non tanto para evitar os contaxios, que tamén, senón para servir de parapeto ante os síntomas e o desenvolvemento máis agresivo da enfermidade. Ante esta situación, países como o noso que supera o 90% de vacinados en poboación diana, non están a salvo da pandemia por mor das novas mutacións polo que se fai urxente atallar o problema globalmente e tomar como prioritario ampliar o vacinamento da poboación a nivel planetario aínda que para elo sexa necesario liberalizar coercitivamente as patentes farmacéuticas sobre as vacinas. 

A estas alturas do Belén as empresas farmacéuticas privadas teñen máis que amortizado o seu investimento e o seu loable esforzo investigador. Incluso atraveríame a dicir que xa teñen recollidos uns pingües beneficios que superarían con creces o moralmente establecido polo que se debería abrir a posibilidade de liberarlizar as patentes aducindo un ben superior como é a superación dun problema sanitario global que podería, incluso e sen poñernos melodramáticos, ameazar á propia pervivencia da especie humana. 

En definitiva, fagamos os que de verdade sabemos facer e amosémonos unha vez máis como o que somos, uns auténticos egoístas e na honra desa característica tan nosa fagamos o posible por vacinar a toda a poboación do terceiro mundo porque deste xeito estaremos protexéndonos e atallando dun xeito definitivo que se poida producir unha nova variante do virus e esgotemos o alfabeto grego para bautizar as novas formas do coronavirus e teñamos que pasarnos, como nas matrículas dos coches, a engadirlle unha combinación de números para dar abasto a denominar a tanta mutación, ou non?

Comentarios