Opinión

Solidariedade activa coa nosa hostalería

Nestes días de incertidume onde o que hoxe vale, mañá xa non e o que di goberno de xeito rotundo e pomposo cámbiase en 48 horas, venme ao meu maxín vellos recordos de tempos pasados que evocan situacións de crise. Quizais sexa porque estamos caíndo todos de novo, nun pesimismo colectivo, pero a verdade é que os acontecementos non nos apoian moito para mudar de idea nin de forma de ve-las cousas.

Coincide tamén esta xornada coa comunicación do falecemento na parroquia onde eu resido (Forzáns-Ponte Caldelas) dun vello amigo, en toda a amplitude dos dous termos, o que quizais vén a aumentar a miña visión particulamente oscura do horizonte ao que nos estamos a asomar en cada xornada da época da pandemia da Covid-19.

Como lles dicía, estaba eu a pensar todo o día nunha película que me marcou (como a moita xente en Galicia) cando a estrenaron, alá polo ano 2002, e que supuxo unha das "operas primas" dos actores Luís Tosar e Javier Bardem, por aquel entón menos coñecidos que agora. Trátase da película "Los lunes al sol", centrada en varios dramas humanos relacionados coa reconversión industrial que afectou de xeito tan especial aos asteleiros galegos, fundamentalmente en Ferrol e Vigo e da que creo que aínda non se recuperaron de todo neses dúas cidades, sobre todo na capital departamental.

Nesa película, que trataba extraordinariamente ben os distintos aspectos cos que a crise golpeou ás persoas en situación de especial vulnerabilidade, detíase nunha das diferentes incursións que facían os seus personaxes polas distintas vertentes dos afectados pola reconversión, nun ex traballador que decidira acollerse ás indemnizacións ofertadas pola súa empresa, naquel momento de conflicto social, e que decidira facerse autónomo (aínda lle quedaba lonxe a idade de xubilación) e investir todo o que tiña, ao igual que fixeron moitos dos nosos emigrantes que regresaban de Europa, en fundar un bar.

Non sei onde lin hai tempo que España era o país europeo (non sei si de todo o mundo) que máis bares tiña por quilómetro cadrado ou por densidade de poboación. O certo é que nesa historia reflectíase como o último recurso laboral do persoal descolocado, sen alternativa de empregabilidade e que tiña algo aforrado, era o emprendemento da man da hostalería.

Ao igual que o ouro é o valor seguro, o valor refuxio para o investidor de alto nivel en tempos de zozobra, parecera que no ámbito das clases máis desfavorecidas e vulnerables ante os embates da crise fora precisamente a hostelería o sector que acolle a derradeira esperanza de manterse a flote cando tódalas portas laborais se che pechan e non sabes cara onde acudir.

Pois ben, pasado o tempo estamos de novo ante unha situación de crise e de zozobra e, precisamente agora nos atopamos cunha particularidade que fai desta pandemia unha das máis virulentas para a estabilidade social e laboral das que se veñen sufrindo ao longo das últimas décadas xa que as teóricas "medidas de protección" para a poboación provocan serios perxuizos ao normal desenvolvemento da actividade hostaleira en Galicia e en España enteira.

As novas normas adoptadas polas autonomías, en base a unha nova deixadez de funcións por parte do goberno central, aboca ao sector da hostalería a sufrir un serio deterioro por mor de ter que respectar os aforos e, sobre todo, os horarios que determinan un toque de queda entre as once da noite e as seis da mañá, no caso de Galicia, danando moi seriamente os intereses dos establecementos deste sector e tamén do ocio nocturno en fase de enterro colectivo.

Ante isto, ten que funciona-la solidariedade humana aínda que esto supoña ter que altera-lo noso habitual horario (somos animais de costumes) e adiantar o máximo posible a nosa presenza en cafeterías, restaurantes e bares facendo que a chegada do "toque de queda" sexa o momento da retirada, pero cos deberes cumpridos, é dicir, coa cervexa e o pincho de rigor tomados e ter disfrutada dunha agradable cea en calquera dos establecementos hosteleiros galegos que por profesionalidade, calidade e bo ambiente son ideais para seguir prestando unha importante función social ao tempo que xera riqueza, fixa poboación e dá esplendor ao barrio onde está instalado.

Porque, como todo o mundo coñece, o viño non sabe igual no bar que na casa, ao igual que a tapa de tortilla, nin ver un partido cos amigos polo que eu quédome con aquela estrofa do "demodé" Gabinete Caligari que dicía algo así como: "Los bares, que lugares/ Tan gratos para conversar/ No hay como el calor/ Del amor en un bar", ou non?

Comentarios