Opinión

Soltando "lastre" en connivencia co CIS

Moitos son os politólogos que comparan a política cunha auténtica partida de xadrez onde por enriba de calquera principio está salvar a "cabeza do rei", neste caso a continuidade do presidente do goberno de turno. En base a esta premisa única que move ao equipo que rodea a Pedro Sánchez, nos vindeiros días asistiremos a unha serie de movementos coa clara intención de "salvar ao soldado Sánchez" que nas enquisas obxectivas, profesionais e serias das empresas demoscópicas vai perdendo cada vez máis adeptos, incluso entre as filas e votantes socialistas que xa non disimulan en amosar a súa decepción.

Con este panorama, a seguinte "peza a sacrificar" sobre o taboleiro de xadrez no que se ten convertido a política española é a da vicesecretaria xeral do PSOE , Adriana Lastra, quen ao igual que lle sucedeu aos seus antecesores no grupo duro que aupou a Sanchez á Moncloa (José Luis Ábalos, o caso máis claro e revelador) vai camiño de abandonar a política activa para quedar como "deputada rasa" por aquelo de que hai que seguir vivindo do erario público.

Para adornar a xogada, os estrategas de Pedro Sánchez fixéronno de varias maneiras. Así, co "cese-dimisión" da vicesecretaria xeral asturiana aplícase un correctivo exemplarizante diante da militancia para escenificar que "rodan cabezas" tras o fracaso das eleccións andaluzas mantendo sempre a salvo e á marxe de calquera responsabilidade política ante ese descalabro ao máximo dirixente do Partido Socialista. Isto é de manual.

Por outra, envíase unha clara mensaxe ao electorado no sentido de que a culpa do fracaso e da baixada na intención de votos da opción socialista ten unha clara responsable, que foi radicalmente cesada ou, como neste caso, obrigada a dimitir por "problemas de saúde". Todo sexa dito de paso, este modelo de xustificación adoptado para este caso resultou un tanto "embarazoso" toda vez que en nada axuda a evidenciar que desde o PSOE se aposta pola defensa, o amparo e mesmo a protección dos seus cargos en situación de "boa esperanza".

Para rizar o rizo e poñer a guinda xustificativa a todo este proceso sumarísimo contra Adriana Lastra, os estrategas buscaronescenificar unha especie de acto sacramental e mesmo de inmolación pública coa única fin de que poida servir para "lavarlle a cara a Pedro Sánchez" e deixalo o máis impoluto posible para intentar recuperar o terreo perdido, a toda costa, para que Alberto Núñez Feijóo non alcance a Moncloa no seu primeiro asalto.

Para elo, os estrategas de Ferraz recurren tamén ao CIS de Tezanos que, ademais de non poder seguir negando a evidencia, aproveita para encimar ao líder do PP ao tempo que iso tamén lle serve de escusa e coartada para botar a Adriana Lastra como xeito exemplarizante de que se están a tomar medidas ante unha "deriva perigosa" na predilección do electorado onde o berro de que "chega o lobo", encarnado neste caso por Feijóo ten claros visos de ser unha auténtica realidade.

Ante un incerto panorama marcado por un negro prognóstico para o outono, onde todos os expertos vatician unha situación económica moi difícil, cun déficit público no Estado Español que vai de récord en récord sen solución aparente na súa "loita" por conter a inflación, a suba dos carburantes e a perda do poder adquisitivo dos salarios, vaise afianzando unha perda de confianza entre o electorado, en xeral, e o socialista, en particular.

Así, entre os votantes socialistas vaise consolidando unha sensación de desazón e de desconfianza que xa se rexitra non so nas enquisas e nas sondaxes realizadas por empresas demoscópicas especializadas senón que o mesmo CIS de Tezanos xa non pode ocultar e manipular os datos para encubrir unha evidencia tan palpable que a ninguén lle escapa que vai marcando con firmeza un novo ciclo político.

Mentres tanto, Alberto Núñez Feijóo vai marcando a súa folla de ruta, con algunha que outra bisoñez a cal provocou outra anécdota relacionada co erro dun representante público á hora de votar no Senado emulando o fallo (esta vez sen consecuencias) do deputado casadista Alberto Casero.

Pedro Sánchez, na soedade do poder e no endeusamento do cargo que ve con incomprensión como seguen chegando negros augurios sobre o seu futuro, vai pagando o seu enfado coas distintas lealdades que o encimaron ata chegar a presidente do Goberno con ceses fulminantes que, a diferencia do que facía o xeneral Franco, non se producen a través do envío do típico motorista senón que nestes casos van sempre envoltas en "decisión de índole persoal", "cuestións médicas" ou mesmo "a petición propia" cando a realidade é que aquí todo o mundo é prescindible agás o "rei" nesta partida na que cada vez lle van quedando menos movementos, ou non?

Comentarios