Opinión

A terceira dose, menuda lotaría!

CANDO pensabamos que este Nadal iamos recuperar a normalidade definitiva, despois de que o verán fora máis ou menos aceptable en canto ao número de casos e a incidencia rexistrada, chega o sexta onda da pandemia da covid-19 e trunca todas e cada unha das nosas espectativas nun dos periodos do ano máis especial, sobre todo para os galegos, que somos moi defensores da volta ao fogar por estas datas ao igual que unha famosa marca de turrón de Xixona.

Moitas son as ceas e xantares de empresa que tiveron que suspenderse nos últimos días. Tamén sucede o mesmo con actividades organizadas por asociacións veciñais e entidades culturais que tiveron que volver a abrir un paréntese cando pensabamos que recuperabamos a desexada normalidade.

Os propios concellos tiveron que eliminar do seu programa de Nadal todas e cada unha das celebracións baixo teito ou carpa e algún que outro so mantén as que se realizan ao aire libre. Moitos municipios, coa incidencia disparada, estanse plantexando incluso a estas alturas do Belén si realizar ou non as míticas Cabalgatas de Reis ou mesmo se cambian de formato e fannas estáticas, en lugar de dinámicas polo centro das vilas e cidades.

Como publicou en exclusiva este Diario, o entroido non contará na comarca de Pontevedra coa participación das vistosas e coloristas comparsas que decidiron por unanimidade non concurrir no 2022 aos desfiles xa que non podían garantir a seguridade sanitaria dos seus compoñentes e menos aínda a recuperación do investimento económico en plumas e abalorios que supoñen un desembolso moi importante para eles. Ademais, os problemas que están tendo os provedores de telas e adornos procedentes de China, fundamentalmente, coas fábricas encargadas de facer chegar a Europa eses materiais fan moi arriscado e caro poder estar a punto para esta cita festiva do primeiro trimestre do ano.

Con este panorama, os que xa peiteamos canas, acabamos de entrar na terceira quenda para recibir a vacina que nos inmunice ou polo menos nos axude a resistir o envite da nova variante, a ómicron, que vén disposta a rachar calquera barreira en canto ao récord de expansión e contaxio nunca antes coñecido por esta enfermidade.

Onte mesmo, día do sorteo da Lotaría de Nadal, tiven a "sorte" de que me tocara pasar polo edificio administrativo da Xunta para recibir a terceira dose. As dúas primeiras foron de Pfizer e, a terceira, xa me tocou da Moderna, que parece ser que emprega a mesma biotecnoloxía aplicada a través de ARN mensaxeiro… Como son un cidadá disciplinado e consecuente, nada dixen e nada digo… adiante sempre!

Chamaba profundamente a atención as ringleiras de nenos e nenas pequenos, acompañados polos seus proxenitores, que se achegaban ata o edificio administrativo ubicado na Avenida de María Victoria Moreno ofrecendo unha imaxe que me recordaba a aquelas películas futuristas que falaban dunha amenaza terrorista ou duns alieníxenas que pretendían acabar coa vida na terra extendendo un virus maligno. Desde logo non se pode especular nin caír en teorías conspiranoicas, pero aínda que o panorama non sexa tan drástico, o certo é que houbo un momento no que teño que recoñecer que esa imaxe me impresionou bastante.

Non son, para nada, negacionista nin estou en contra de ningunha vacina nin do avance da ciencia médica, pero o certo é que os comentarios maioritarios dos que estabamos alí centrábanse en desexar que os vellos ditos se fixeran realidade e "a terceira" fora a vencida; vamos que sexa esta inoculación suficiente para gañar en traquilidade e recuperar as nosas vidas no sentido máis amplo da expresión.

Cando estou escribindo este artigo de opinión aínda non se coñecen os resultados definitivos da xuntanza de presidentes autonómicos convocada por Pedro Sánchez, pero o que xa parece ineludible é que teremos que volver dar un pequeno atrás en canto a medidas de autoprotección recuperando o uso das máscaras tamén nas rúas e nos espazos abertos. Tamén será preciso seguir un estrito cumprimento do distanciamento social, algo que para a nosa cultura e o noso modo de comportarnos resulta moi difícil e complicado. Nós, os galegos, somos moi biquiñeiros, gústanos achucharnos e mesmo buscamos o roce humano sempre que podemos. Será porque somos moi conscientes de que do roce nace o cariño, ou non? Sexamos responsables e coidemos de nós mesmos para ter conta de todos. Bo Nadal.

Comentarios