Opinión

Turismo real anticovid-19 para ricos

A solución adoptada polas Infantas, de recurrir á vacinación privada, estase poñendo de moda entre as persoas máis acaudaladas

Unha nova polémica sacude de forma indirecta á Casa Real despois de que se soubera que o Rei Emérito, don Xoán Carlos I, e as súas fillas as Infantas Elena e Cristina se vacinaran recentemente en Abu Dabi sin coñecemento por parte do Rei Felipe VI e, menos aínda, por parte do Goberno de España.

Ao parecer esta circunstancia que non ten a maior importancia, non foi obxecto das conversas de sobremesa que, de seguro, manteñen cada domingo os familiares do Rei Felipe VI por videoconferencia por aquelo de manter o distanciamento social e seguir a raxatáboa coas recomendacións sanitarias para os non convivintes.

O certo é que esta noticia deixou a descuberto non só unha presunta situación de falla de empatía e solidariedade da familia do Rei (non confundir coa Familia Real) co resto da sociedade española. En xustiza hai que recoñecer que a relación da infanta Elena, e sobre todo Cristina, co pobo español non atravesa os seus mellores momentos dado que se está a producir nos últimos tempos certa desafección entre o españolito de a pé e as persoas de sangue real por mor de affaires como os protagonizados por Iñaki Urdangarín e, máis recentemente, polo Rei Emérito e as súas regularizacións con Facenda dando bo exemplo de que Facendo somos todos (uns máis que outros).

Quizais alimenten o seu desapego no feito de que parecera que na sociedade española do momento actual houbera unha maior comprensión por persoeiros recentemente condeados, que motivaron disturbios e amotinamentos nas rúas e, pola contra, se lle negara o indulto moral ao seu pai, “artífice” da Transición e salvador da democracia no 23-F de hai agora 40 anos.

Mírese como se mire, a verdade é que igual que non resultaba nada decorosa a imaxe de don Xoán Carlos abatindo elefantes en África tampouco resulta moi estética a vacinación das infantas Elena e Cristina en Abu Dabi cando no seu país hai xente que ten auténticas dificultades para acceder a unha vacina, pese a estar en situación de risco ou mesmo en idade de recibila, ante o envío que fan a contapingas as autoridades sanitarias aos gobernos autonómicos encargados de dispensalas.

A solución adoptada polas Infantas, de recurrir á vacinación privada, estase poñendo de moda entre as persoas máis acaudaladas que deciden emprender unha viaxe de pracer ou mesmo de negocio (uns 40.000 euros por estancia de 21 días nos Emiratos Árabes Unidos) para practicar o “turismo de vacina” como se están empezando a coñecer este tipo de “escapadas de fin de semana longo” para inocularse o tratamento deseñado por algunha das farmacéuticas que posúen autorización para produci-lo antídoto preventivo fronte ao Covid-19.

O máis sorprendente non é que o estean facendo xeques e potentados de países remotos senón que, ao parecer, co fin de burlar calquer quenda de agarda e obter a inmunidade canto antes, non son poucos os ricos e poderosos que deciden saltarse o procedemento marcado polas autoridades sanitarias nos seus respectivos países de residencia no primeiro mundo e emprender una excursiónque ten, entre os seus moitos alicientes proba-lo encanto, a modo de turismo de experiencia, da inoculación do preparado químico que dará tranquilidade sanitaria a aquel a quen o seu poder adquisitivo llo permita.

A condición humana non deixa de sorprendernos… Tal vez pensarán algo similar aqueles residentes nos países do terceiro mundo, dos que non se fala e aos que non coñecemos, e que seguro sufrirán a incertidume de non poder nin siquera acceder no seu país a vacinarse pola simple imposibilidade material de adquirir o material inmunizador nos mercados internacionais.

En fin, en España seguimos tendo como asignatura pendente o feito de levar da man a ética e a estética no desempeño dun papel exemplarizante ou mesmo público diante do resto da nosa sociedade e xa non me refiro só á familia do Rei ou á familia Real senón tamén a estamentos como a clase política ou mesmo ao alto clero que, neste tema das vacinas tamén teñen demostrado que ata a alta curia está lixada coas miserias humanas. Porque como di un clásico nisto da pandemia da Covid-19 o que ten cú ten medo, ou non?

Comentarios