Opinión

Un bico para Nahír...

Díse sempre que os bebés chegan a casa cun pan debaixo do brazo. Pode ser. É unha afirmación que contén un concepto moi amplio e variado da propia expresión e que podemos resumir en: Responsabilidade, gastos, compromiso, preocupacións, incertezas, servidumes, ataduras,… alegrías, satisfaccións, cariño, dedicación, constancia, tenrura. Son todas elas, verbas que acompañan a chegada dun novo membro á familia.

O certo é que os nosos cativos son os responsables de que muden moitos dos nosos comportamentos e costumes desde as máis trascendentais como as máis banais. Sin eles sería inimaxinable a posta en marcha de proxectos tan importantes como o desenrolo de plans municipais de separación e reciclaxe dos residuos sólidos urbáns. Dígoo convencido. Non sería o mesmo calquera Plan destas características sen a participación dos máis pequenos da casa como axentes de control e execución do mesmo.

Aprenden todo como esponxas e asumen as tarefas de responsabilidade e vixianza colectiva coa máxima eficiencia que deixaría en ridículo a calquera supervisor dunha fábrica alemana ou suiza. Pobre de quen bote no lixo do cartón, unha bolsa de plástico en presenza dos nosos pequenos!

Pero tamén son un eslavón fundamental da cadea das causas solidarias. Na miña casa, por exemplo, o meu pequeno xa desde cativo instaurou a moda da recollida dos tapóns de plástico de todo tipo de recipientes e temos habilitado xa na cociña un espazo permanente para recopilar estes elementos que, antes ían dereitos cara ao lixo.

Así, a campaña da Fundación Amigos de Galicia de recollida de tapóns a prol o tratamento médico de Nahir supuxo na nosa casa un aliciente especial para que o noso pequeno exercera de “vixiante solidario” para evitar que a avoa botara o tapón do brik de leite ao lixo ou que calquera dos adultos que compartimos vida con el tiveramos o máis mínimo dos despistes cun destes elementos para que saltara como un resorte e dixera coa súa voz atronadora: “Que fas? Non o tires, é para Nahir!!”.

Estou seguro que o do meu fillo non é unha excepción e de seguro que é o máis común dos comportamentos na maioría das casas de Pontevedra e a súa contorna. Onte pola mañá, andaba eu preocupado para ver como lle explicaba ao meu pequeno que o corazón de Nahir decidira deixar de traballar polo que xa non estaba entre nós.

Os rapaces de agora son listos como allos e non fai falla explicarlles nada, segundo que cousas sexan. Achegueime a el coa intención de relatarlle a situación, pero rápidamente, sin que me dera tempo a pouco máis que saudalo e preguntarlle que tal no cole, xa me espetou que xa se enterara da noticia luctuosa e, acto seguido, miroume moi serio e preguntoume moi triste: “E agora que vai facer a súa nai?”

“Non sei”, contesteille. “Seguro que estará moi soa e triste”, afirmou. “Seguro”, díxenlle eu. “Pois para que non estea soa e triste temos que lle axudar a que recolla máis tapóns para outros nenos como Nahir e que os necesiten. Así acordarase dela e poderán estar sempre unidas”.

O certo é que a resposta colleume a contrapé, como casi sempre. Ergueuse da silla, colleume da man e díxome: “Imos ver cantos tapóns temos e imos vixiar a bolsa do lixo que seguro que a avoa se despistou e tirou algún sin querer”.

Non puden evitar emocionarme, abrazar ao meu fillo e sentir unha sensación especial de solidariedade que me gustaría trasladar desde aquí á familia de Nahir, especialmente á súa nai, que loitou de xeito incansable con amor, esforzo e cariño pola súa filla para que tivera a mellor das vidas posibles sin resignación e con valentía dando exemplo do que é realmente unha nai comprometida coa súa filla creando un vencello especial único que vai durar eternamente, ou non?

Comentarios