Opinión

Un paraíso para vivir... e coidar

NON SEI si os animais pasarán por un mesmo proceso, pero os seres humanos temos momentos da nosa vida que nos levan a retroceder no tempo e mergullarnos nos recordos relacionados cun lugar onde vivimos ou onde pasamos a nosa infancia e mocidade. Pode ser que teña moito que ver coa nosa idiosincrasia como galegos que sempre esteamos marcados pola morriña e a nostalxia...

Algo así me sucedeu a semana pasada, cando volvín polo barrio onde me criei en Pontevedra. Tiven a ocasión de saudar a vellos coñecidos (algúns xa moi maiores) e de ver moitísima xente nova, descoñecida para min e pertencente tamén a ese novo continxente de pontevedreses que proveñen da emigración e que forman parte xa da nosa sociedade.

Como lles dicía, a verdade é que todo estaba cambiadísimo e poucos recunchos quedaban que conservaran o aspecto e a faciana de onde, de cativos, xogabamos na miña época, acostumabamos a brincar e troulear desde que acababamos de xantar ata que nos retirabamos coa caída do sol, previa parada obrigatoria para tomar o bocadillo da merenda. Parecíame sentir nos beizos aquela crema de nocilla (será que sigo a dieta...) ou aquel bocadillo de tulipán con chourizo ou sucre que facía as nosas delicias e que nos daban as nosas nais previo berro para que deixaramos de xogar e nos puxeramos a merendar...

Lembraba aquelas fincas e aqueles muros que soíamos flanquear para coller saborosas mazás vermellas que arrecendían que daba envexa, sempre pendentes de que non aparecera un can ou o seu dono e nos collera nas patacas e nos dera unha gran reprimenda ou, o que era máis grave, que llelo dixera aos nosos pais porque daquela cobrabamos si ou si... non era ningunha broma.

Agora todo cambiou, xa non é a mesma zona periurbana onde me criei. Xa non hai maceiras, ou poucas quedan, e tampouco chaman a atención de ninguén para ser obxecto de calquera furto...

Chegou o progreso e mudou por completo a faciana do meu campo de xogos e, ademais de erguerse agora edificios de catro ou cinco prantas onde disputabamos partidos de fútbol ou faciamos as nosas batallas de uvas cataláns, tanto cando estaban verdes (carallo como doían!) como maduras daquelas viñas que medraban sin control dun xeito anárquico e silvestre, agora hai rúas asfaltadas, zonas de aparcamento, farolas, mobiliario urbano, etc.

Volvín a percorrer, con agarimo doce, o que queda daqueles campos ao carón do regato de Valdecorvos onde había un lavadoiro cuberto por tella do país (hoxe so quedan as pedras de lavar en moi mal estado), na beira do camiño que ía para A Seca onde a miña nai, e as nais dos outros cativos, botaban a roupa ao clareo (gustábame moito coller a palangana e botarlle auga ás sábanas e ás camisas, de cando en vez, cando me mandaba a miña nai...) e aproveitaban para poñerse ao día dos acontecementos sociais do momento (eran os antiguos grupos de wasap).

Hoxe xa non queda nada deso. Pero fixeron un pequeno sendeiro que debeu ter un esplendor no seu momento inaugural, pero que agora que pasa o tempo e o uso humano vese necesitado dunha intervención por parte da administración competente.

Fago esta reflexión coincidindo co titular dun prestixioso xornal británico que afirma que "Pontevedra é un paraíso para vivir" e eu non dubido deso, pero tamén creo na corresponsabilidade e no civismo dos cidadáns para manter en perfecto estado as infraestruturas e o mobiliario urbano porque si vostedes percorren ese precioso paseo, serpenteando a carón do regato de Valdecorvos, poderán ver como a actuación vandálica ten sometido ao lugar a un proceso de degradación importante con táboas rachadas, barandas arrincadas e toda unha serie de destrozos que falan ás claras da pouca sensibilidade e respecto dos autores do desastre co alleo, sobre todo cando é de todos e de ningún en particular.

Velar polo bo estado de conservación de parques e xardíns e de sendas peonís como da que estou a falar ten que ser un compromiso de todos en tanto en canto non so nos vai ao peto a todos (as reparacións páganse da caixa común da administración pública correspondente), senón tamén pola penosa imaxe que ofrecemos aos demais non so polo propio aspecto en si do lugar senón pola horrible sensacións que damos aos que nos visitan ao aplicar dun xeito xeralizado o reproche cara eses individuos como si eles formaran parte normal ou consentida da nosa colectividade, ou non?

Comentarios