Opinión

Vaise outro Annus Horribilis

E sta ndo en vésperas de que remate o 2021 e comece o agardado 2022 toca facer balance e botar a vista atrás para ver o camiño percorrido e o traxecto realizado coa intención de coñecer si fixemos unha boa travesía ou, pola contra, o sendeiro debuxado en lugar de marcar unha liña recta caracterizouse por un perfil seseante e arrastrado propio do guieiro que deixan escritos na area os rétiles.

En materia política hai que sinalar que, a trancas e barrancas, o presidente do Goberno de España, o socialista Pedro Sánchez vai cubrindo etapas aínda que sexa a base de decepcionar (por non dicir enganar) a propios e extranos coa intención de seguir como inquilino da Moncloa. Agora, ademais de delegar nas comunidades autónomas 17 fórmulas distintas de afrontar a crise sanitaria da Covid- 19, extendeu ese modelo ao resto das carteiras do seu Gabinete e encarga á rutilante Yolanda Díaz convencer a sindicalistas e empresarios para afrontar unha contrarreforma laboral que non satisface nin á oposición nin aos socios preferentes do bipartito que xa anunciaron que votarían en contra da convalidación do Decreto si é que se leva, tal cual está, ao Congreso dos Deputados.

Se descendemos no escenario político e nos centramos na nosa Comunidade Autónoma vemos como o 2021 serviu tamén para consolidar a Feijóo como única alternativa a suceder a Alberto Núñez, mentras que na bancada socialista as loitas fratricidas se multiplican a medida que as novas xeracións de representantes do puño e rosa van ocupando o seu espazo xeracional. Así, Gonzalo Caballero aínda que segue como parlamentario, tivo que deixar a secretaría xeral do PSdeG-PSOE diante do coruñés Valentín González Formoso quen, a través de pactos inconfesables, foi trazando unha tea de araña envolvente que acabou por devorar ao sobriño de Abel Caballero coa anuencia tácita do alcalde vigués.

Polo que respecta ao BNG de Ana Pontón, sinalar que ao contrario do que lle sucede aos socialistas, os nacionalistas viven un momento doce con ausencia de liortas internas significativas e a Pax Pontoniana perfectamente establecida a pesar de que faga algún que outro amago de cara á galería sobre a súa continuidade ou non para recibir o aplauso e o agarimo do respectable...

Os nacionalistas agardan como auga de maio a chegada, precisamente dese mes do 2023, co fin de materializar e cuantificar o seu auténtico poderío e forza territorial a través dos comicios municipais onde agardan que o mapa político local mude en moitos lugares para adquirir a cor azul celeste ou, polo menos, ser determinantes para manter ou conformar gobernos de progreso e nacionalistas que lles permitan tocar poder e exercelo con determinación.

Pola súa banda, no Partido Popular estes derradeiros días do ano son momentos de trazar novas estratexias para tentar recuperar o terreo perdido no 2019 e avanzar posicións de cara a reconquistar a Deputación, encargo que lle ten feito en reiteradas ocasións Alberto Núñez Feijóo a Alfonso Rueda. A primeira pedra de toque do presidente provincial dos populares foi a victoria da súa colaboradora, Marta Fernández- Tapias, no congreso local que forneceu a súa posición na provincia e mesmo serviu para dar un golpe de autoridade enriba da mesa para poñer orde na cidade olívica de cara a mellorar resultados que posibiliten o regreso dos populares aos despachos do pazo de Montero Ríos sabedores de que esa circunstancia pasa, obrigatoriamente, por duplicar polo menos os 4 edís que o PPdeG ten no Consistorio de Vigo.

Posto a facer os seus deberes, Alfonso Rueda terá que buscar e potenciar novos candidatos en cidades estratéxicas como Vilagarcía de Arousa (terceira cidade en tamaño poboacional da provincia) ou mesmo resolver de xeito elegante e satisfactoria a situación de Redondela onde os populares tiveron aí momentos de indefinición e que aspiran a resolver de xeito positivo para volver gobernar na vila dos viaductos.

O obxectivo para o 2022 é artellar equipos competentes que saiban aproveitar a previsible onda positiva que prognostican para os populares os estudios demoscópicos e remontar o bache profundo do 2019 que lles fixo, ademais de quedarse moi lonxe da Deputación e perder alcaldías estratéxicas, reducir o seu poder territorial a tan so 22 ou 23 concellos dos 61 existentes na provincia, moi por debaixo da cota habitual de goberno e poder á que están acostumados os populares.

O 2022 está chamado a ser un ano de transición, de acumulación de forzas, de quentamento global de motores para que as maquinarias das distintas formacións políticas sexan quen de esprintar de cara á meta das municipais de maio do 2023 onde están postas todas a miras e os obxectivos, ou non?

Comentarios