Opinión

O Verdugo, un trasvase de responsabilidades...

ESTABAN OS ratos reunidos en asemblea para ver como facían para darlle solución a un grave problema: Detectar a tempo a presenza dun gato novo no vecindario que pola súa axilidade e sixilosidade era dunha eficacia cazadora letal. Depois de darlle moitas voltas ao miolo e de aportar iniciativas e ocurrencias ao concurrido público roedor decidiu que a mellor solución ao problema era poñerlle un cascabel ao gato. Todos se puxeron tolos de contentos sin reparar nun pequeno detalle de grande importancia: Quen sería o valente que tería que facer semellante fazaña. A obriga de levalo a cabo foi rotando dun noutro ata que recaeu no menos listo que, investido de responsabilidade, decidiu afrontalo risco de poñer a idea en práctica.

Pois algo parecido está a ocorrer co anunciado trasvase de auga do río Verdugo ao encoro de Eiras, unha idea que obsesiona a Abel Caballero desde o ano 2011 e que agora, se a diviña providencia non o remedia co envío de choiva abundante, parece que se vai converter en realidade a través de Augas de Galicia a quen hábilmente lle pasou o cascabel o alcalde socialista por mor de non interferir nun proxecto supramunicipal de competencia exclusiva da Xunta de Galicia a través do ente administrador acuífero.

Ao igual que hai máis dun lustro os veciños de Ponte Caldelas se opuxeron cunha recollida de sinaturas e a negativa frontal do rexedor do momento, Perfecto Rodríguez, agora lle toca o turno a Andrés Díaz que chama a rebato aos seus veciños para defender o ecosistema do río Verdugo, eso si, focalizando a responsabilidade en Augas de Galicia e na Xunta e obviando, ou deixando nun segundo plano, ao seu insistente promotor, o alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero que esixe a todo o que o quere escoitar o trasvase desde o río que discorre polos concellos de A Lama, Ponte Caldelas e Soutomaior.

Ninguén obvia unha realidade como que este ano estamos ante unha seca sen precedentes e que a cidade máis poboada de Galicia está nunha situación complicada polo número de habitantes de que dispón e tamén o tecido industrial que precisa do uso da auga como elemento fundamental para asegura-la súa producción.
 

Ao igual que hai máis dun lustro os veciños de Ponte Caldelas se opuxeron cunha recollida de sinaturas e a negativa frontal do rexedor do momento, Perfecto Rodríguez, agora lle toca o turno a Andrés Díaz que chama a rebato aos seus veciños para defender o ecosistema do río Verdugo

Agora chegou a tronada e acordámonos de Santa Bárbara convertida nunha escaseza de auga nos distintos sistemas de abastecemento das grandes cidades e, especialmente a cidade olívica que a moitos niveis está acostumada a funcionar como unha auténtica “ínsula Barataria”, pero que cando lle apretan determinadas situacións non dubida en recurrir á periferia na procura dunha solución.

E esta solución venlle moi ben a todos. Explicarei porque. Primeiro ante un problema que acucia á cidadanía os grandes protagonistas desta historia poden vender ante as súas respectivas parroquias a súa excelente xestión. No caso de Abel Caballero: “Tiñamos un problema e suxerimos e financiamos a solución para evitar perxuizos a terceiros”. Poderoso cabaleiro é don diñeiro. No tocante á Xunta, a súa explicación é doada: “Nós sempre estamos ao servizo de Vigo, cando no-lo piden aí estamos, como non pode ser doutro xeito. Si non facemos máis noutros temas é porque non nos deixan”… En fin, todos contentos. E Ponte Caldelas e Soutomaior?

Menudo papelón! Non importa; que vaian por libre tanto o alcalde socialista de Ponte Caldelas como o popular de Soutomaior. O que toca é que se rasguen as vestiduras e, como é o caso, encabezar aquelas mobilizacións que se consideren necesarias para evidenciar ante os seus veciños do lado de quen están, non vaia ser que pase como en Vilaboa coa empacadora de Guixar (Vigo) que, por non perde-la carreira electoral na cidade olívica, o PP decidiu sacrificar unha maioría absoluta inquebrantable dun pequeno concello insignificante para os cálculos electorais provinciais, pero que o condeou polos séculos dos séculos ao ostracismo municipal.

Mentras tanto, o menos importante será o perxuizo ecolóxico que se poida provocar ou o agravio comparativo que poidan sufrir as persoas que viven no medio rural posto que os danos colaterais (electorais se refire) son asumibles e controlables por calquera dos intervintes. Ninguén reparou en facer un estudio sobre o que custaría instalar provisionalmente plantas potabilizadoras e desalinizadoras de emerxencia nalgún lugar da Ría de Vigo (como ten estudiado algunha universidade estadounidense, por exemplo) porque seguro que aí habería que facer antes un estudo de impacto ambiental, lidiar co sector marisqueiro (se fora o caso) ou mariñeiro e esas son palabras maiores, ou non?

Comentarios