Miércoles. 21.11.2018 |
El tiempo
Miércoles. 21.11.2018
El tiempo

Volvemos ao coche de San Fernando...

UNHA DAS asignaturas que me resultaban máis difíciles durante a miña etapa de estudiante universitario era a de Economía. A verdade é que tiven sorte porque me tocou unha profesora que tiña unha enorme capacidade didáctica á hora de explicarnos cuestións tan curiosas como o efecto multiplicador dos cartos no sistema crediticio mundial e o perigo que esto supuña nos momentos de recesión e crise económica ao correr o risco de provocar nos bancos un efecto dominó de consecuencias tráxicas.

Outra teoría que me fixo reflexionar naqueles anos era a que facía referencia ao sistema tributario español e á teórica capacidade redistributiva que tiña nun Estado de Dereito a aplicación dos distintos impostos e baremos a aplicar ás rendas segundo a súa cuantía e importancia.

Tamén nos falaba a nosa profesora do engado que supuñan os sistemas tributarios baseados nos chamados impostos indirectos, os centrados no consumo, que gravaban por igual aos individuos sin distinguir o poder adquisitivo de cada un deles facéndoos, segundo o seu criterio, os máis inxustos de todos.

Así, a través dos impostos ao consumo paga o mesmo á Facenda unha persoa cun poder adquisitivo e un nivel de rendas baixo que outra persoa cunha capacidade moito maior. Por exemplo, si vostede bota un litro de combustible no seu coche, poñamos por caso un Seat Ibiza, os impostos que se lle aplican e polo tanto que ten que pagar son os mesmos que os que abona outro conductor que reposte na mesma gasolineira cun Porsche 911.

De feito hai estudios no Reino Unido que falan de que os impostos indirectos reducen un 30% as rendas máis baixas ou o que é o mesmo, recae a súa aplicación práctica sobre as clases máis populares a maior parte do peso recadatorio deste tipo impositivo que goza de mellor imaxe que outro calquera ao ir adxunto ao consumo individual. "Se non queres pagar máis impostos non consumas tanto e así o que menos gasta menos paga". Frase memorable onde as haxa pero que resultan na súa aplicación do máis danino para os intereses xerais do común dos mortais.

Por que fago esta reflexión? Pois moi sinxelo, porque a nova ocurrencia do goberno de Pedro Sánchez está a falar da posibilidade de aplicarlle un maior recargo tributario ao gasoil co fin de favorecer o uso de vehículos menos contaminantes e permitir a aposta polos novos modelos híbridos con tecnoloxía máis ecolóxica.

Moi ben! A verdade é que non se sabe aínda como vai a ser a aplicación práctica desta ocurrencia toda vez que os sectores profesionais do transporte xa puxeron o berro no ceo polo que parece que se van zafar do invento xa que rápidamente houbo quen dixo que quedarían exentos.

No caso das calefaccións domésticas, tres cuartos do mesmo porque o custe electoral pode ser monumental cando sobrevoa unha ou varias convocatorias electorais en pleno outono ou inverno que é cando un enche os depósitos das caldeiras. Pero aínda queda pendente o uso particular deses vehículos diésel que todavía circulan polas estradas do país e que o fan en bo número. Pertencen a todo tipo de persoas, a maioría con poder adquisitivo baixo e que usan o vehículo para ir traballar e que mercaron no seu día eses automóbiles polo seu menor consumo e a súa mellor rendabilidade e que, pese á súa conciencia ecolóxica non están en condicións de se meter no fregado de cambiar de vehículo para favorece-los intereses comerciais das grandes multinacionacionais automobilísticas e, de paso, contribuir con ese xesto á coartada recadatoria do goberno de turno.

Chega precisamente este anuncio nun momento económico de especial incertidume, cando aínda non acabamos de saír dunha grave crise, onde o prezo da luz non deixa de subir (onte acadouse o prezo récord desta enerxía cunha suba do 24% con respecto ao ano pasado...), aumenta de xeito escolonado o desemprego e sobrevoa unha nova recesión económica co descenso do turismo internacional, o risco de corralito na Arxentina, lío no Brasil, inflación galopante en Venezuela e enfrontamento comercial entre Estados Unidos e a Unión Europea coa polémica entre Donald Trump e o turco Erdogán de fondo, con graves implicacións para o sistema bancario europeo e, especialmente, para o BBVA.

E, mentras tanto, vai quedando no tinteiro outro anuncio mediático e engaiolante de Pedro Sánchez de impor unha serie de impostos e gravames á todopoderosa banca para recuperar os retrocesos sufridos nos pasados anos no Estado do Benestar. De momento onde dixo "digo" xa di "Diego" e reduce ese infructuoso intento de poñerlle o cascabel ao gato a un tímido "estamos estudiando a posibilidade de aplicarlle unha serie de taxas ás transferencias internacionais...".

En fin, con esta valentía impositora dos nosos gobernantes, imos ter que volver a utilizar o "coche de San Fernando", xa saben, aquel de "un pouquiño a pé e outro andando", ou non?

Volvemos ao coche de San Fernando...
Comentarios