Opinión

A voz da Pachamama

Hai anos modelei en gres unha elemental figura feminina. Unha vez cocida, coloqueina sobre seixos nun ribazo da carballeira de xunto á casa, no Val do Mao. Cando as visitas preguntaban de quen se trataba, miña nai, moi seria, facía a presentación coas explicacións que eu lle dera a ela. "É unha deusa pagá que simboliza a fertilidade". E dicía o nome co que a bautizara, apropiándome de dous cos que facía un só, Afró-Tambú. Pertencían a unha canción de Agustín García Calvo e Chicho Sánchez Ferlosio, popularizada por Amancio Prada.  Xunto con outros tres de gran sonoridade ( Zagüíngara, Júmbara, Semelé) constitúen o refrán da composición dedicada á deusa do amor.

O anterior vén a conto de dúas cousas. A primeira, que agora penso que a   debería chamar Pachamama, Nai Terra, como lle din en varios países de América do Sur. A segunda, que sendo miña nai profundamente católica e estando a anos luz da idolatría, non tiña problema para entender que se trataba dun símbolo co que festexar, dalgún xeito, a natureza. 

Cando se celebrou o sínodo da Amazonía en Roma, indíxenas cristiáns daquela zona, crucial para o mundo desde o punto de vista ecolóxico, levaron ao Vaticano imaxes da Pachamama. Uns católicos fundamentalistas roubáronas e botáronas ao río Tíber. O Papa Francisco condenou o feito e pediu perdón. Explicou con claridade meridiana a posibilidade de recoller un símbolo indíxena sen caer en idolatría. Falou da inculturación da fe, o que significa asumir a cultura dos pobos para facer a fe máis significativa. Á fin, iso é o que practicou a Igrexa ao longo da historia e mesmo foi acusada por moitos de apropiación indebida.

Mágoa que sigan a existir detectores de herexías onde cómpren pan, xustiza e paz. Son os que cortarían cabezas, como outrora fixeron con Prisciliano, por certo máis próximo ao Evanxeo que os que o decapitaron.

Tamén a Teilhard de Chardin o tildaron de panteísta por ver a Deus na creación (e non é que o paleontólogo e filósofo fose precisamente creacionista). El falaba de amar apaixonadamente Deus nas forzas que fan medrar a terra. Se iso é panteísmo, bendito sexa.

Porque se amamos as forzas que fan medrar a terra, sumarémonos a elas, lonxe do maltrato que lle estamos a dar á casa común. Somos tan  idiotas, que andamos a botar brasas sobre o propio tellado, a esquecer que con el tamén nos queimamos nós.

Hoxe é o Día Internacional da Nai Terra, da Pachamama, que verte na  frauta andina, a quena, o seu pranto angustiado. Michel Tournier dixo dela: "Ten unha memoria moi profunda.  Grava no seu rostro todo o que sufriu  desde a noite dos tempos". Son as cicatrices de que fala Aldo Leopod. 

Comentarios