Opinión

Resultados ou promesas

O CORPO electoral composto de cidadáns democraticamente conscientes vota nas eleccións municipais cada catro anos no mes de maio. E, segundo a teoría de funcionamento das sociedades democráticas, a emisión dese voto encerra o contido das análises para decidir cal formación vai ser adecuada para defender os intereses de cada quen. 

Até aquí a teoría; na práctica, o certo é que esta conduta da elección do destinatario do voto parécese máis á realizada nun mercado de bens masa, que, por medio da propaganda e a publicidade, conquista os votantes. Isto implica, practicamente, botar por terra o sentido democrático da consciencia electiva así como o valor interactivo entre pobo votante e representantes electos, e, o que é moi importante, cal é a rendición de contas das promesas. 

A alienación máis forte existe cando, ao coñecer un problema con vindicación de accións políticas, se evidencia que os cidadáns desvinculan completamente problema/vindicación e o voto: dise habitualmente: "Non ten nada a ver". Asombrosa conclusión se a protesta está destinada ao poder político. Poder político que existe só en virtude do poder outorgado a través do voto.

Ocupámonos novamente da análise do denominado problema da vivenda, porque foi traído á consideración polos partidos políticos españois con presenza parlamentaria. Nós puxémolo en relación directa co nivel dominante dos salarios. Dixemos anteriormente que non é abordábel a solución sen ter en conta as variábeis restantes indicadoras da capacidade de gasto. E para concretar, tratar do nivel salarial medio —e tamén do máis frecuente— é indispensábel coñecer a estrutura produtiva e o funcionamento do mercado laboral en cada formación social de que se trate.

No noso país, Galiza, cómpre coñecer, por tanto, como é a natureza dominante dos postos de traballo existentes para traballadores novos, de primeira incorporación. E aínda se normalizar a grande crise laboral derivada da financeira de 2008, para inmediatamente pasar a se empatar coa orixinada na pandemia. Os traballadores galegos novos continúan contando con grandes dificuldades para optar a un posto de traballo fixo, cun salario aceptábel con perspectivas de permanencia e de promoción profesional ou mesmo con alternativas de cambio por outro traballo aceptábel. 

Este conxunto de características só existen se falamos dun entorno industrial en crecemento. Fóra del poden existir postos de traballo relativamente ben remunerados en servizos vinculados á actividade industrial e que compoñen un tecido dinámico existente nas grandes urbes e en moito menor medida na Coruña e Vigo. Fóra destes segmentos do mercado laboral no noso país hai futuro (??) para actividades vinculadas a un turismo de mochila (os peregrinos e asimilados) cuns postos de traballo temporais, parciais, precarios, e cuns salarios imposíbeis para se plantexar unha vivenda digna. 

O só feito de que continúe existindo emigración de mozos/as galegos con titulación superior fala con evidencia nidia da inadecuación entre capacidade laboral interna e mercado de traballo: non hai demanda suficiente para cobrir a oferta dos nosos graduados recentes. En conclusión, o acordo dos chamados axentes sociais para mellorar os salarios non é suficiente se non hai estrutura produtiva en evolución positiva.  

Comentarios