Opinión

Sánchez, máis vale tarde que nunca

SEGUNDO TÓDOLOS analistas políticos, a decisión do presidente do Goberno de convocar un Consello de Ministros extraordinario para este sábado obedecería á necesidade de anunciar toda unha batería de propostas que intenten, por unha banda, mitigar os efectos da crise e, por outra, neutralizar a euforia entre as bancadas do Partido Popular pola victoria sen precedentes en Andalucía que farían presaxiar un cambio de ciclo político en España.

A ninguén se lle escapa que os resultados, abultados, conseguidos por Juanma Moreno Bonilla nas eleccións autonómicas desta pasada fin de semana en Andalucía son un espaldarazo e unha mostra de solvencia do proxecto Feijóo ao fronte do Partido Popular a nivel nacional. Gañar por maioría absoluta no principal feudo do Partido Socialista en España augura que o presidente galego do PP avanza segundo a súa folla de ruta para lograr a súa chegada, na primeira intentona, ao Pazo da Moncloa, tal e como fixera no seu momento cando optou no 2009 á presidencia da Xunta de Galicia.

Fronte a isto, os estrategas do márketing político do Partido Socialista tocaron a rebato e botáronlle toda a leña posible ao asador para que o electorado non perda de vista a quen manda en España que non é outro que o goberno de Pedro Sánchez. Así, prognostícase que este sábado vai ter lugar unha serie de anuncios de «carácter social » para afrontar con garantías o escepticismo con que as clases populares se están achegando á acción política do PSOE que, lonxe de dar solucións concretas a problemas reais da poboación, os seus xestos quédanse en meras declaracións de intencións sen tradución práctica como o Ingreso Mínimo Vital ou as medidas de aforro nos combustibles que o único para o que serviron foi para seguir incrementando o marxe de beneficio das grandes petroleiras sen que o consumidor vexa diminuído o prezo do litro de gasolina ou gasóleo, máis ben todo o contrario.

Mentras isto sucede, o afán recadador de impostos do Estado segue a bo ritmo xa que agora, co prezo do combustible por enriba dos 2 euros, duplica os ingresos que polos impostos indirectos recibe que cando a gasoliña e o gasóleo estaban por debaixo de un euro.

No tocante ás eléctricas, pasa tres cuartos do mesmo e agora parece que Pedro Sánchez está disposto a asumir como propia a proposta rexeitada da Alberto Núñez Feijóo de reducir o IVE da luz do 10 ao 5%. Agora a discusión está en saber quen foi o primeiro en adoptar esta decisión si o popular ou o equipo económico da Moncloa que despois de desprezar as propostas dos populares estarían agora dispostos a adoptar esta e outras medidas que lle trasladou ao dirixente socialista o presidente popular.

Atrás queda, sen sonroxarse, a resposta que lle deu a ministra de Transición Ecolóxica ao voceiro do PP no Senado tachando de «estética » e pouco eficaz a proposta popular de rebaixar o IVE da luz do 10 ao 5%. Como ben saben vostedes no amor, na guerra e, sobre todo na política, parece que todo vale e onde dixen digo, digo agora Diego e viceversa. Estando así as cousas, o escepticismo entre as persoas que ven como as hipotecas ameazan con subir, os carburantes non baixan e a enerxía segue imparable no seu prezo pese ás medidas adoptadas polo Goberno Central en connivencia coas autoridades europeas para buscar a excepción ibérica encoméndase cada un ao seu santo favorito para saír o mellor parado desta situación que lonxe de rematar vai camiño de empeorar ou perpetuarse.

Estamos ante unha nova edición do efecto pluma aquel que fai que os prezos suban exponencialmente, como un cohete, en momentos de crise, pero unha vez correxido e normalizada a situación van descendendo de xeito pendular e amodiño seguindo o movemento da pluma arroxada desde o alto dun muro que parece eternizar o seu descenso ata chegar ao chan.

Aquí, ao igual que na crise do ano 2008-09 todo vale de coartada para explicar o mesmo un roto que un descosido, pero o certo é que as medidas de reactivación e de choque fronte a esta infación galopante, que o único que está a provocar é unha perda de poder adquisitivo xeralizado da poboación, chegan tarde, mal e moitas veces arrastro polo que hai que se deixar de politiqueo barato e poñerse ao chollo co fin de atopar e aportar solucións reais e concretas aos problemas que estamos a soportar derivados da anterior cirse, da provocada pola Covid e a de agora da Guerra de Ucraína, ou non?

Comentarios