Blog | Quitamerendas

É a nosa Frida Kahlo

"É UNHA número un". Os pontevedreses Carlos Taboada (ilustrador) e Enrique Mauricio (narrador) falan de Maruja Mallo, a protagonista do segundo volume de Mulleres galegas, a colección de biografías dirixidas a nenos que Taboada (xunto a Joanna Lorenzo) autoedita co seu selo, Lela Edicións. O sábado presentaron o libro en Pontevedra e en Bueu. Pola mañá no Museo, nun acto no que involucraron ás panaderías A Devesa, e despois no Salón do Libro Infantil e Xuvenil. Pola tarde en Beluso, onde a Deputación ten previsto* celebrar o Día das Artes Galegas.

"Meiga nova", para Ramón Gómez de la Serna. "Metade anxo, metade marisco", para Salvador Dalí. "Non sabiamos con cal das definicións quedar porque todas eran marabillosas, así que decididimos titular o libro reuníndoas: Meiga nova, metade anxo, metade marisco.

Despois de abrir o selo coa biografía da oceonágrafa ferrolá Ángeles Alvariño, Taboada e Mauricio elixiron a Maruja Mallo para protagonizar o segundo título de Mulleres galegas. "Este ano tocaba facer forza con Maruja Mallo. Somos uns namorados da súa obra e estamos fascinados con esta muller, pero é que ao adicárselle o Días das Artes Galegas non quedaba outra", di Enrique Mauricio. "É unha número un. Ten unha obra e unha vida interesantísimas. Xa só por iso é unha das nosas preferidas, pero xa que a Academia Galega de Belas Artes lle adica o 1 de abril, queriamos sumarnos e reivindicar o protagonismo das mulleres en xeral, non só nas artes senón tamén nas letras e nas ciencias. En todos os ámbitos".


"Maruja Mallo f
ormou parte de todo, coñeceu a todo o mundo. Se falas dela tes que falar de Federico García Lorca ou de Pablo Neruda"


Por iso, entre outras cousas, crearon a colección Mulleres galegas. Mauricio achega un dato: o Día das Letras Galegas, instituído en 1963, estivo protagonizado por mulleres en tres ocasións. A primeira, precisamente en 1963, por Rosalía de Castro; en 1987, por Francisca Herrera Garrido, e en 2007, por María Mariño. 55 anos de conmemoración, 3 mulleres. "Hai que empezar a darlle duro a isto".

A personalidade da creadora, ademais, era perfecta para fascinar aos cativos cos contacontos que estes dous autores, que conforman o colectivo Polo Correo do Vento, realizan por colexios e bibliotecas para difundir a vida e obra destas figuras. "Non hai que tocarlle nada, simplemente contar a súa vida", indican. "Formou parte de todo, coñeceu a todo o mundo. Se falas dela tes que falar de Federico García Lorca, de Pablo Neruda, de Miguel Hernández, de Salvador Dalí, de André Breton, de Gabriela Mistral e ata de Andy Warhol". O senfín de anécdotas que salpican a súa biografía enganchan de seguida aos máis pequenos. "Dende esa de por que se facían chamar ela e as súas compañeiras da xeración do 27 ‘las sin-sombrero’ ata o feito de que acabase debuxando naves espaciais ao final da súa vida", explican.

Maruja Mallo tamén protagonizou un dos obradoiros municipais que coordina o grupo de teatro Migallas en Pontevedra. "É moi chulo o que está a pasar nesta cidade", contan Taboada e Mauricio. "Hai unha conexión brutal entre todos. Non existe ningún tipo de competitividade, senón cooperación. É unha pasada, unha felicidade e unha sorte traballar así, co mesmo obxectivo". E no medio de todo isto está o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.

Ao Salón volven este sábado eles dous, ao sitio no que naceu a idea para crear a súa editorial hai dous anos, para presentar oficialmente a súa biografía de Maruja Mallo. Un pouco antes estarán no Museo, onde A Devesa presentará unha bolsa serigrafiada coa reinterpretación que Taboada fixo para o libro do cadro A sorpresa do trigo. As panaderías pontevedresas únense desta maneira a outras marcas galegas que colaboran con Polo Correo do Vento, como Feiraco, Clesa e Terras Gauda. "É que somos moi fans daquela idea de Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo de que empresa e cultura teñen que estar vinculadas", din. "O normal neste país tiña que ser iso, que alguén que faga pan teña como referencia A sorpresa do trigo. Iso tiña que ser o normal: temos esa referencia cultural clara e habería que aproveitala".

Para Taboada e Mauricio, Maruja Mallo teno todo para ser unha icona cultural. E, se non o é, é por falta de coñecemento e de difusión. "É a nosa Frida Kahlo. Tiña que haber posters coa súa cara por todas partes e en todos os lados. Forma parte da nosa identidade".

ERNESTINA OTERO PROTAGONIZARÁ O TERCEIRO VOLUME. A colección Mulleres galegas, de Polo Correo do Vento, naceu en outubro de 2016 coa saída á rúa dun primeiro título adicado á oceanógrafa ferrolá Ángeles Alvariño. A el séguelle agora o de Maruja Mallo. "E xa temos a que será a protagonista do terceiro volume, a pedagoga Ernestina Otero".

Contan con sacalo do prelo á volta do verán, "coincidindo co inicio do curso". A primeira edición do libro adicado a Alvariño, de 1.000 exemplares, esgotouse. Van pola segunda. E iso que empregan a súa distribución particular, "que consiste en coller o coche e levar o libro persoalmente polas librerías e os colexios".

Co título de Mallo agardan repetir éxito nas bibliotecas e nos centros escolares. "Non pode ser que non exista material para cativos sobre estas mulleres tan incribles, que teñen que ser as nosas referentes. Había que facer este traballo".

*Este texto foi publicado na edición en papel de El Diario de Pontevedra (Revista) o sábado 1 de abril de 2017

Comentarios