Blog | Quitamerendas

O roteiro das mulleres

DOS ALMACÉNS Clarita á casa na que viviu Concepción Arenal, existe unha historia alternativa de Pontevedra, que María Xesús López Escudeiro reivindica a través dun roteiro que leva guiando pola cidade dende o ano 2015. "O proxecto está enmarcado no programa A memoria das mulleres, do Concello", explica López Escudeiro. Naceu a raíz da exposición Do gris ao violeta. A mestra e ex-concelleira de Cultura de Pontevedra conduciu visitas guiadas a aquela mostra que recuperaba a historia das mulleres da cidade. Cando rematou, case a modo de continuidade, naceu este outro roteiro. "Pareceunos interesante seguir escribindo esa outra historia diferente á oficial, en clave feminina. Porque aquí temos unha voz que nunca foi escoitada".

O roteiro comeza na Praza da Ferrería falando da Feira Franca. "Cando Enrique IV concede a Pontevedra o privilexio da Feira Franca, en 1467, xa estamos falando dunha actividade intimamente vencellada ao mundo femenino". O nomenclátor da vila recolle estas actividades tan importantes de sempre na vida da vila (a Praza da Verdura, a Praza do Pan...); sen embargo, no rueiro é clamoroso o silenciados que están os nomes femininos, "esquecidos e agochados nunca de xeito inocente". Sen saír da Ferrería, o roteiro trata a cuestión das mulleres empresarias falando de María la del Carrillo ou dos almacenes Clarita. "Lembramos a figura de Clara López, que a base de afouteza e traballo logrou montar as súas tendas". Unha muller que optou por poñerlle o seu nome á empresa, "algo moi pouco común: o habitual era facer o que fixo Carmen Durán, que chamou á empresa Viuda de Cándido, e quedar agochadas baixo o nome do home".

Na Praza da Peregrina fálase da Pontevedra das tertulias e de presenzas como a de Emilia Pardo Bazán. "E enlazando co mundo do feminismo e da loita polos dereitos das mulleres, incluímos a rúa da Oliva e a estadía en Pontevedra de Concepción Arenal, arredor de 1889-1890, cando escribiu parte da súa obra El visitador del preso". Na rúa dos Soportais o mundo da literatura entra no roteiro a través da figura da escritora Aurora Vidal. "Como non chegamos á avenida de Vigo, aquí aproveitamos para falar, por exemplo, de María Victoria Moreno". A xeito de continuidade, o percorrido pasa pola rúa Manuel Quiroga, onde se fala da súa muller, a pianista Marta Leman, e pola rúa Charino, onde se fala das impresoras, "como a viúva de Ramiro Paz".

Na avenida de Santa María, o percorrido detense na figura da pintora Carmen Babiano, a nai das irmás Mendoza, que hoxe aínda lle dan nome ao pazo que actualmente é a sede de Turismo Rías Baixas. Igualmente fala das irmás Mercedes e Alicia González Bará, tamén pintoras.

Na Alameda, a guía aproveita para desmitificar a figura das meigas e das bruxas. Diante da antiga Delegación de Educación fálase do papel de mestras e do maxisterio a través de figuras como as de Ernestina Otero ou Carmen Bugallo. Ese mesmo espazo sérvelle a López Escudeiro para falar da represión do 36 porque alí mesmo estivo instalado un dos cárceres franquistas. "Facemos especial fincapé nas sobrevivintes, nas represaliadas directamente a través da inxesta de rícino, das violacións e dos rapes, ou indirectamente, como a viúva de Alexandre Bóveda, Amalia Álvarez, ou a viúva de vivo que foi Josefina Arruty, que tiveron que sacar adiante unha familia loitando contra o estigma de roxas e que aínda tiveron folgos e valentía para manter viva a memoria dos homes". Falando de mulleres intrépidas, tamén aparecen as figuras da aviadora Chichana Patiño ou da taxista Dolores Trabado.

O roteiro remata no barrio da Moureira falando das mulleres mariñeiras e daquelas que non dubidaron en participar en conflitos de finais do XIX e do XX que afectaban á clase traballadora, "dende o motín das leiteiras de 1913 ata as protestas contra a instalación das Celulosas".

SABER MÁIS
►Para solicitar a participación no roteiro das mulleres: [email protected].

Comentarios