Blog | Quitamerendas

Principios activos no escenario

Carlos Otero, Loli Ruadas, Rosalina Gómez e Begoña Baquero, de esquerda a dereita, esta semana en Pontevedra

A culpa foi de Germán Gamallo. Rosalina Gómez (celadora), Begoña Baquero (enfermeira) e Chus León (administrativa), todas elas traballadoras do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP), fundaron no ano 2015 o grupo de teatro Genéricos xunto a Carlos Otero (coach deportivo de Vigo), Lucía Sanmartín (administrativa) e Loli Ruadas (cociñeira) por culpa de Gamallo. Hai uns días, o home xubilouse. Este grupo de teatro forma parte do seu legado.

"Germán Gamallo foi unha persoa moi importante no desenvolvemento da vida social, cultural e deportiva que rodeou e rodea o Hospital de Montecelo", conta Rosalina Gómez, que lembra o papel fundamental que tivo o home, o primeiro traballador que entrou en Montecelo (1973), na asociacion cultural O Chopo e, entre outras cousas, na súa coral. "Foi el, que formaba parte do servizo de protocolo do hospital, o que, cando se ían celebrar os actos de 25º aniversario de O Chopo, se puxo en contacto comigo e con Begoña para propoñernos facer unha peza de teatro". As dúas mulleres tiñan experiencia no asunto: militaban na agrupación Lúa Chea, de Poio. "Catorce anos levabamos aí, nada menos", di a celadora. "Non se sabe o que valeu Gamallo, de verdade", segue contando a súa compañeira do CHOP. "Perdeu moito tempo da súa vida persoal para sacar adiante todas estas cousas". Os seus compañeiros coinciden. "Era alguien muy ambicioso en sus propuestas, que no paraba de poner en marcha actividades", apunta Begoña Baquero. "Está claro que era alguén que se facía querer", remata Carlos Otero.

As dúas mulleres convocadas por Gamallo aceptaron a proposta e puxéronse a buscar xente para completar o reparto da obra Protocolo de urgencias. A peza, máis acaída imposible, íase representar no medio dos actos do aniversario de O Chopo no Teatro Principal. "Begoña e máis eu xa nos coñeciamos de ter colaborado nunha curtametraxe, Coaching para tres, que aínda se pode ver no Youtube", conta o único home do grupo, que recoñece que entrou nel de casualidade. "De feito, ficháronme en principio para botar un cable no apartado técnico. Pero acabei tendo un papel na obra: o de xerente, nada menos. E despois xa seguín. Elas seguen sendo as xefas, pero eu non podo estar máis feliz de seguir aquí".

A obra, unha comedia que recrea as relacións que se establecen nas Urxencias dun hospital, tivo éxito e o que ía quedar nunha soa actuación para o 25º aniversario do Chopo converteuse nun grupo estable. Chegaron peticións para actuar no Provincial e en Montecelo. "Y seguimos montando la pieza, ahora ampliada. En Samieira, que es de donde somos Rosalina y yo", di Begoña Baquero. "La última vez fue en enero en el Centro de Mayores de Vilaboa".

Agora confesan que traballan na montaxe dun par de obras propias. "Este ano imos dar ese pasiño máis. Barallamos varias ideas: unha podería estar ambientada nunha consulta de xinecoloxía e outra nun ximnasio". En todo caso, sempre comedia. "Siempre, siempre", aclara Baquero. Loli Ruadas resume así o espírito do grupo: "Hai que tomar as cousas con bo humor. No canto de chorar, rir", di. "Eu penso que non me vería facendo algo serio".

O sentido do humor e o bo ambiente que reina entre eles foron as razóns fundamentais para que Genéricos saíse adiante, á parte do éxito da primeira representación. "Iso está claro. Estivemos moi a gusto dende o primeiro día. De feito, sempre que nos xuntamos saen ideas sen parar. Iso é porque estamos moi cómodos", recoñece Rosalina Gómez. "Home, está claro que as persoas que coincidimos no proxecto encaixamos". De feito, están tan cómodos que a improvisación xoga unha parte importante no desenvolvemento do traballo de Genéricos. "O meu home, por exemplo, xa nos viu varias veces e cando lle pregunto se vén ás novas representacións sempre di que si, porque sempre son diferentes", explica Ruadas.

E o do nome con ese punto de retranca? "Pois saíu buscando ideas entre todos. Alguén o dixo un día, gustounos e quedou", conta Carlos Otero. "Vainos ao pelo".

Comentarios