Opinión

'Moratazo' no Bernabéu

A Champions mantén o maleficio do campión.  Nunca no actual formato o gañador vixente logrou repetir título; e seguirá sen poder facelo. Esta vez, un “Moratazo” acabou co soño da Undécima. Florentino Pérez, pouco dado a venerar os canteiráns no seu imperio, viu como un gladiador formado en Valdebebas botou ao traste un ano que rematará en crise e sen títulos en Chamartín.  Hai tres semanas, un exfutbolista aseguroume que, sen Modric, “o Real Madrid acabaría desmoronándose nos partidos da verdade”. Dito e feito. Na Liga solventou con coraxe as saídas de Balaídos e o Pizjuán pero ante o Valencia o infortunio e un Diego Alves soberbio fixeron sucumbir os brancos na súa persecución sobre o Barça.

Conclusión: adeus á Liga; máis asubíos para Casillas e o combustible dun equipo que marabillaba alá polo inverno, en reserva. A Juventus debería mandar algún agasallo para Mestalla. A “Vecchia Signora”,  un equipo moi inferior ao Real Madrid pero ordeado e fiable nestas citas de alta alcurnia, soubo agardar o seu momento e tumbou un campión sen folgos; sen patrón de xogo. Guardiola sempre poderá escudarse no sinfín de baixas que tiña. Ancelotti non pode agarrar ese argumento. 180 minutos dan para moito e, seguro, Carvajal nunca esquecerá o absurdo penalti que cometeu en Turín. Sergio Ramos aínda se debe preguntar como puido facer o ridículo na medular a carón de Pirlo; e con Benzema e Bale renqueantes na resolución, o Madrid limitouse a dar arreóns no Bernabéu cun Marcelo sobresaínte e un Cristiano esquivo e inédito. Non haberá Undécima pero si podería chegar a quinta “orelluda”para o Barça. Falando de orellas, en Berlín Chiellini e Luis Suárez volverán lembrar vellos tempos. Que vai pasar na final? Dependerá do día que teña Leo Messi. Ata aí podo ler.

Comentarios