Opinión

Páxinas en Feminino

Artigo da presidenta da Deputación de Pontevedra co gallo do 8-M
Concentración del pasado 8-M. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Concentración del pasado 8-M. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Négome a crer que ata o 2220 non se conseguirá, tal e como afirma o Foro Económico Mundial, a plena igualdade de xénero. Agardo que, máis pronto ca tarde, a nosa sociedade aposte por rachar coas desigualdades que o patriarcado tan firmemente arraigou e poidamos construír un mundo decente e democrático no que mulleres e homes teñamos as mesmas oportunidades.

Neste camiño todas e todos temos responsabilidades e son consciente da necesaria complicidade dos axentes sociais, dende a cultura, ata o deporte, o asociacionismo en xeral ou os medios de comunicación. Todas e todos teñen un papel fundamental.

E se hai algo indubidable é que nas sociedades democráticas os medios teñen unha importante función social como  configuradores da opinión pública: son o cuarto poder encargado da libre circulación da información e da xestión da relación entre poderes públicos e cidadanía. Son tamén instrumentos que interveñen na sociedade, transmiten valores e, por riba de todo, teñen un decisivo papel educativo e pedagóxico para construír novos e necesarios discursos para moldear o imaxinario colectivo rachando co machismo, co dominio do patriarcado e lograr, así, a plena igualdade entre mulleres e homes. A propia ONU e o Consello de Europa en numerosas ocasións afirmaron que son os medios un dos piares fundamentais para conseguir a desexable igualdade e así tamén se puxo de manifesto na IV Conferencia Mundial da Muller celebrada en Beijing, en 1995, na que se determinou o seu papel "crucial" para o empoderamento das mulleres e o desenvolvemento de sociedades igualitarias.

O Proxecto de Monitoreo Global de Medios (GMMP), a investigación de xénero nos medios máis extensa que existe no mundo que ten xa realizado cinco estudios (cada cinco anos dende 1995), ten detectado que o progreso no ámbito da igualdade nos medios é "extremadamente lento" e que mesmo estancouse entre 2010 e 2015. Segundo este estudo as noticias presentan unha visión machista do mundo e están marcadas polos prexuízos de xénero e estereotipos que perpetúan as desigualdades. Deste xeito, en todo o mundo, as mulleres constituíron soamente o 24% das persoas protagonistas das noticias, porcentaxe que ascende ao 26% en plataformas informativas dixitais. Amais, nas noticias nas que as mulleres somos protagonistas soamente ocupamos o 30% dos seus titulares e nas que compartimos protagonismo con homes a presenza masculina nos titulares é do 64,5%.

Os datos precisamos poñelos riba da mesa para golpear conciencias. Sen embargo, neste 8 de marzo quero aproveitar para amosar a miña confianza no papel pedagóxico dos medios de comunicación e na súa responsabilidade social para cambiar estes feitos. Precisamos aumentar a representación das mulleres como fontes expertas nas informacións, visibilizar o papel do liderado feminino e amosar a mulleres e nena investiga de maneira xusta. Tamén cómpre que as cúpulas directivas dos medios conten co talento feminino, maioritario entre as graduadas en xornalismo, porque con elas mudará o mundo e conseguiremos rachar co andocentrismo, modificar o proceso de socialización de xénero e, tamén, de construción de idearios colectivos. Non podemos esquecer que estamos a falar de algo non exclusivo das mulleres, senón dun principio xurídico universal recoñecido na Constitución Española de 1978, en textos da Unión Europea e do resto do mundo. Polo tanto, parece claro que é preciso incorporar unha perspectiva de xénero nos medios e agrádame ver que cada vez xorden, das facultades de comunicación, máis mulleres e homes comprometidos coa igualdade, que, con actitude crítica, estou segura conseguirán rachar coas discriminacións.