Opinión

Alfombra vermella

Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feijóo, na Moncloa, en setembro de 2022. CHEMA MOYA (EFE)
photo_camera Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feijóo, na Moncloa, en setembro de 2022. CHEMA MOYA (EFE)

"¡Váyase, señor González!". Xa o dicía Aznar en 1994 e daquela eu tampouco lle daría a razón, pero case trinta anos despois vémonos nas mesmas. Cousas de ser un floreiro chinés con privilexios vitalicios, porque o de coidar os bonsais se ve que deixa moito tempo libre. 

Ao antigo presidente da chaqueta de pana non lle gustan os pactos, polo visto, e pensar nunhas eleccións en clave PSOE-Sumar contra PP-Vox parécelle fatal, porque segundo pontificou en Nueva Revista, un monográfico editado en colaboración coa súa propia fundación, que a ver quen lle rosma, "el país se debilita, se polariza, pierde fuerza y credibilidad" nun contexto de "pactos de centralidad".

A súa preferencia vai por deixar gobernar á lista máis votada, unha idea moi século XX que vexo complicado rescatar despois do bloqueo tralos primeiros comicios de 2019 e dunha lexislatura co primeiro bipartito da democracia que, para ben ou para mal, se enfrontou a unha pandemia planetaria, a guerra de Ucrania, a crise económica e a inflación e mesmo a un volcán en erupción.

E se Sánchez lle segue chiscando o ollo a Díaz, pola conta que lle trae, pola outra banda xa está todo dito, con Feijoo poñéndolle a alfombra vermella aos ultradereitistas ata a cociña, ata a mesma picadora de dereitos, ata os mesmos coitelos que rachan os piares do benestar. Como se alguén dubidara de que ese apoio fose ser de balde (xa o dixera Rajoy, "una cosa es ser solidario, la otra es serlo a cambio de nada"), pero non digan que non avisou.

Comentarios