Opinión

De aquí á eternidade (non hai fronteiras)

Tanxugueiras fin de xira
Rocio Cibes
16/12/23
photo_camera TVista xeral do Coliseum da Coruña durante o concerto de Tanxugueiras o 16 de decembro de 2023. ROCÍO CIBES

"Parece que xa se filtrou". A mensaxe de Fátima acompañando a un audio reenviado por WhatsApp ás 14.15 horas do 20 de decembro de 2021, pilloume entrando na casa, quitando os zapatos e dándolle ao play para descubrir que en Nova Zelandia xa desvelaran o misterio da canción que Tanxugueiras ían presentar ao Benidorm Fest como paso previo á súa participación en Eurovisión, unha posibilidade absolutamente irreal apenas tres meses antes e que a piques estivo de materializarse. Pero esa é outra historia.

O que soou no móbil foi Terra, o mesmo temazo que o 16 de decembro de 2023 despediu un dos concertos máis especiais que se recordan en toda Galicia. Aida, Olaia e Sabela, e todo o seu equipazo de músicos, bailaríns, técnicos e artistas invitados, desde Mondra a Fillas de Cassandra, lograron encher as case 10.000 prazas do Coliseum da Coruña. É este un espazo onde o son é manifestamente mellorable, pero que serviu para demostrar que non só viñeron para quedar, senón que  o éxito e o mérito das pandereteiras parece non ter teito, cantando en galego, música tradicional, e sendo fieis ás súas ideas.

Quedan escasas as palabras para o visto no escenario, pero moito máis para o visto na pista e nas bancadas, onde resoaron en absoluta comunión, as gorxas de miles de persoas de todas as idades, mesmo chegadas de distintos lugares de España, nunha soa voz. 

Comentarios