Opinión

Ata sempre, Hemato

20230121_Ggarcia_057
photo_camera Hematocrítico, á dereita, xunto con Eva Mejuto nunha presentación na librería Paz, en xaneiro de 2023. GONZALO GARCÍA

Como un millón de labazadas unha detrás doutra. Como un golpe no corazón, que se para por uns segundos. Como un gong retumbando a centímetros do oído. A noticia do repentino e inesperado pasamento de Miguel López, Hematocrítico, deixounos de pedra a todas as persoas que o coñeciamos, xa fora persoalmente ou a través da marabillosa obra para todas as idades que nos deixa como herdanza.

Doe pola súa perda, doe pola inxustiza dunha morte a unha idade tan temperá e doe, tantísimo, por toda a súa xente querida, para a que me costa atopar palabras de consolo.

Xusto este luns, cando se cumprían 25 anos do pasamento doutra grande, Gloria Fuertes, perdemos a un referente nesa literatura que merecen ler todas as crianzas do mundo. Din que se foi un tuiteiro, un título do que facía gala, tantas veces con sorna, aínda que fora apenas o xermolo do que estaría por vir. Era un mestre entregado e un fantástico escritor, un tipo divertido e enxeñoso e retranqueiro, agarimoso coas crianzas, que o adoraban, ao que coñecemos co lobiño riquiño que non quería ser feroz e ao que seguimos coa Axente Riciños, Rapunzel con piollos, a Alcaldesa Vermella, Dona Problemas, Max Burbuja..., os caderniños de escrita divertida (que ideaza, tío) ou a deliciosa colección dos Hematiños. Sempre nos quedará o teu legado. Grazas por todo, Hemato.

Comentarios