Opinión

Candidato busca pacto

Sánchez e Feijóo. JUANJO MARTÍN
photo_camera Sánchez e Feijóo antes do famoso cara a cara do 10 de xullo. JUANJO MARTÍN

Non por mil veces repetida unha mentira se converte en realidade. Aínda que ás veces corra perigo de suceder. Así o debe pensar o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, empeñado en que o deixen gobernar España por ser a súa a lista máis votada nas eleccións deste domingo.

Ninguén llo nega. A súa lista obtivo máis sufraxios. Logrou máis escanos. Pero, ai! Mal que lle pese non é abondo. Porque España, que levaba boa parte da súa historia democrática sumida nun bipartidismo que parecía dar outra impresión, ten un sistema parlamentario. Iso significa -atenda, candidato máis votado-, que quen elixe ao presidente do Goberno non son os votantes, senón as persoas que ocupan os escanos da Cámara. É aí cando eses homes e mulleres que si eliximos nas urnas, se ven obrigados a pactar, a negociar, a pedir, a dar. Aí revalorízanse os seus exiguos escanos de provincias

É por iso que se Feijóo quere intentar formar Goberno está en todo o seu dereito e ninguén llo debería impedir, xusto o mesmiño que Sánchez, porque ter a lista máis votada non é sinónimo de gañar as eleccións. E non é ningunha anomalía, como quere facer crer. Supoño que agora evitará un discurso demagóxico e tampouco tratará de confundir á sociedade, senón que se centrará en buscar quen lle faga un pouco de caso. Se é que existe.

Comentarios