Opinión

Planeta Sonsoles

Doña Letizia y Sonsoles Ónega EFE
photo_camera Doña Letizia presentouse, din que por sorpresa, nunha sinatura de libros da súa grande amiga Sonsoles Ónega. EFE

Confeso que quedei coa boca aberta cando empecei a ler a crítica que Jordi Gracia escribiu en El País para diseccionar a novela coa que a xornalista Sonsoles Ónega mereceu (ou alomenos gañou) o Premio Planeta, dotado cun millón de euros. "Maravilla la capacidad de Las hijas de la criada para desescalar hacia abajo y sin límite en el subsuelo de la novela. Mientras leía hundido en la miseria y en la tumbona...", continúa o tal Gracia, do que non escoitara falar a pesar de ser "un ensayista que ha dedicado varios libros a la historia intelectual de España en el siglo XX, catedrático de literatura española en la Universidad de Barcelona, que ejerce la crítica literaria y social", segundo a Wikipedia. Aquí necesitaría unha cariña, que é como tamén podemos dicir emoticona en galego.

Non me gustaría ter sido Sonsoles no momento que este texto se fixo viral, nin sequera cun millón de euros no peto. Pero uns días despois, visita da súa amiga Letizia con luz e taquígrafos incluída (ben por ela), xa empezo a pensar distinto. É posible que a novela sexa mala de necesidade, o que viría a confirmar que a fama e a dotación dos premios literarios son inversamente proporcionais á calidade do texto, pero tamén é certo que tanta ansia por ensañarse cun libro escrito por unha señora famosa que venderá a mancheas entre xente que só mira o debuxo da capa ou o apelido da autora e do todopoderoso grupo editorial pode ter o efecto contrario.

Comentarios