Opinión

Agosto

ENCETAMOS un novo mes, pero non é calquera. É agosto. Oitavo mes do ano do calendario gregoriano. Chámase así na honra de Octavius Augustus, emperador romano, que a semellanza de Julio César ofreceu o seu nome para perpetualo en xeracións vindeiras ata convertelo en algo tan cotiá que está aí cando un nace e sigue aí cando un desaparece. Camiña contigo durante a vida sen facerlle caso mentres transitas da adolescencia á xuventude para encontrarte, de súpeto, con el cando "as neves do tempo canean a túa sen". É aí cando notas a proximidade do que está por vir; o tempo evanescente, e colle senso o vello refrán de "primeiros de agosto frío no rostro" desfrutando do día onde o calor cubre a terra e se agradece a sombra, pero onde buscas a protección dunha prenda de abrigo para pasar a noite ou dunha compaña que che agarime. En Galicia é tempo de colleitas, de que as vacas paseen no solpor pola beiramar cando os turistas non son donos da area para que poidan curar as feridas das súas patas. Paséanas seus donos que aproveitan a ocasión para falarlles con verbas mornas. A vaca sigue na nosa terra a manter a súa orixe totémica aínda que ninguén escriba delas porque o leite ten mala fama e xa se manufacturan licuados de avea, améndoa, solla e doutras herbas onde se mesturan con auga coa intención de que lembren o que as vacas dan. Os nenos beben estes produtos por mor das alerxias, as embarazadas por mor de non sei que, os vexetarianos en protesta pola explotación dos animais aos que se lle practica a gandería intensiva. E as vacas non o saben. Nin lles interesa. Agosto provoca nas persoas falta de interese polo que durante os sete meses previos crean verdadeiro sufoco e malestar. Esquécese o resultado das eleccións que acabamos de vivir. Impórtanos unha coliflor que non teñamos goberno constituído. Danos igual o que fagan os ingleses. Non nos chaman a atención nin Salvini nin Orban nin Trump nin Putin e desexamos que á Angela Merkel lle pasen os tremores cando practique sendeirismo na Illa de La Gomera, verdadeira marabilla natural. Desexamos que Pedro Sánchez busque a paz onde mellor lle conveña, sexa na casa oficial ou na particular e que Pablo Iglesias desfrute da súa nova paternidade en Galapagar, ou noutro sitio, e que o puerperio de Irene non lle cause problemas e volva de novo á vida activa con máis entusiasmo e forza e, se cadra, como vicepresidenta 'social' do Goberno socialista.

Está prohibido amargarse. Pasalo mal. Quedarse na casa. Aturularse. Illarse. Facer xestións diante as administracións. Todo isto por decreto. Agosto en Galicia é o mes de San Roque, da Peregrina, das festas gastronómicas, dos concertos ao aire libre, do globo de Betanzos, das festas de María Pita e de tantas outras que nos fan esquecer o inverno que se foi e nos prepara para o que vén.

Desfrutade e non enfermar!