sábado. 15.05.2021 |
El tiempo
sábado. 15.05.2021
El tiempo

Aparecen tres canóns do século XVI. Desaparece un

O avistamento no fondo do mar de tres canóns en punta Espiñeirido á altura do cabo Corrubedo pon de novo de moda os cazatesouros, figuras noveladas por Arturo Pérez-Reverte na súa obra  La Carta Esférica, levada ao cinema por Imanol Uribe e producida por Enrique Cerezo, actual presidente do Atlético de Madrid. Nela investíganse naufraxios acontecidos en épocas pretéritas con barcos que se afundiron con grandes riquezas abordo e nunca foron recuperadas.

Dous percebeiros de Aguiño aproan cara a marca de sempre para gañar o xornal do día. Levan anos no oficio. Coñecen ben este océano. Couso, Sagres, Sálvora, Cabo Falcoeiro, Corrubedo, Espiñeirido son os puntos onde arriscan as súas vidas cada día para gañar un xornal que lles permita manter ás familias con dignidade. Levan curtíndose desde nenos para exercer este oficio o que lles supón estar sempre en boa forma física para saltar entre as pedras, agocharse, correr, driblar o mar, nun xogo no que o mínimo fallo supón perdelo todo. Actúan como centauros, gabeando entre as ondas, cunha rasca nunha man e unha rede colgando da cintura onde gardan o marisco arrancado á presa dunhas pedras cheas de liques, argazo, mexillóns co afán de gañar o sustento como anteriormente fixeron os seus devanceiros. Isto supón asumir os riscos de sempre coa cotiandade de toda unha vida. Sómente miran se fai sazón para saír faenar. Se os aparatos de navegación funcionan. O tempo que dura a marea para sacar das pedras ese manxar que chega a tódalas mesas ricas do país e calcular o tempo de volta para atender á subasta nunha lonxa chea de compradores que puxan para sacar o mellor prezo dunha rula especializada. Dese labor saen os recursos para poder pagar o gas, a seguridade social, o seguro da planeadora, as avarias, os libros e a universidade dos fillos, a hipoteca, o seguro do coche, os neoprenos, o tempo de non poder ir ao mar no caso dunha lesión xa que a baixa médica non cubre tódolos gastos, os impostos municipais, a taxa da confraría... non fai falla seguir numerando o que xa todo mundo sabe.

Cando non se vai o percebe. Vaise ao ourizo. As nasas. Os trasmallos. Máis nunca os canóns.

Ningún deles agardaba encontrar esas pezas de cobre, un de 800 quilos e outro a metade, do século XVI pertencentes a un barco que se supón navegaba cara o Reino Unido para invadilo segundo afirman algúns entendidos. Din os mariscadores que había un terceiro ben marcado cuns globos elevadores, para recollelo máis tarde, pero desapareceu. Ninguén sabe o que aconteceu con tal peza e suponse que se realizaran as pescudas que correspondan para encontralo. Nin a Xunta nin a Armada explican o acontecido. O alcalde de Ribeira di que non sabe nada. Máis a calada por resposta non contenta a ninguén e as administracións deberían poñer todo o seu empeño na recuperación dun ben mariño que nos pertence a todos.

Aparecen tres canóns do século XVI. Desaparece un
Comentarios
ç