Opinión

A aristocracia das sotanas

Xa pasou. O Nadal, claro, porque o COVID mantense incrementando o número de infectados obrigando a realizar unha vida de recollemento no entorno familiar, pechados, consumindo televisión, internet ou lecturas sosegadas. Momento para repasar o acontecido durante o ano que se marchou e, momento, para mirar cara dentro comprobando, si neste tempo onde os trebellos tecnolóxicos mandan, somos quen de adentrarnos en nós e sacar conclusións que afecten, para ben case sempre, á vida que nos queda para poder orientala conforme o que exploremos.

Se nos fixamos nos casos de pederastia destapados polo Boston Globe onde sinalan a diferentes xerarcas da igrexa católica norteamericana, como abusóns sexuais de menores, entran gañas de renunciar a unha educación onde o crucifixo campou en colexios, casas familiares, edificios sociais, etc. É tanta a repulsa por este tipo de conductas que levan a dubidar dos principios nos que fomos educados. Peor, aínda é, si nos fixamos no abandono que fai a Conferencia Episcopal Española escapándose das directrices emitidas polo Papa Francisco, quen exhorta ás vítimas a denunciar os casos, e á institución eclesiástica a reparar o que algúns desalmados fixeron. O desacordo do bispado de Bilbao coa CEE manifesta as contradicións seculares desta Iglesia; máis ninguén entende como esta institución milenaria non é quen de escoitar a 250 denunciantes, tal como manifesta El País, diario que destapou o escándalo en España, non dando creto, polo tanto, a unha cidadanía que se viu aldraxada e martirizada pola aristocracia das sotanas. Un estado onde se mantén a monarquía católica máis antiga do mundo, diante da actitude troglodita desta organización debería sacarlle ós monarcas a responsabilidade de seguir esta doutrina equiparándoa as outras tales como o xudaísmo ou o islamismo, menos ricas en patrimonio. Relixións que conviviron por séculos no territorio da península ibérica. Os acólitos non deben exercer de pasmóns, confundindo a fe con tragar con rodas de muiño. Tampouco pode acontecer que uns poucos denigren a labor realizada por miles de persoas que arriscan as súas vidas por traballar a prol dos pobres do mundo, incluíndo ó territorio español nesta xeografía. Sería inxusto.

Como, tamén, é inxusto que multinacionais como Pfizer,Moderna e BioNtech acadasen unhas ventas da vacinas contra o COVID de 62.000 millóns de euros, segundo o cálculo do diario Cinco Días, relegando ás poboacións de países pobres a morrer, directamente. Moita falta de moral. A mesma que as relixións predican, todas, e logo non cumpren. Facendo caso a Marguerite de Yourcenar, autora, entre outras, da obra Memorias de Adriano, "a moral é unha convención privada e a decencia é unha cuestión pública; toda licencia demasiado visible fíxome sempre unha ostentación de mala lei". Os dous exemplos que acabamos de relatar son a constatación real da falta de moral nas grandes organizacións e ás que a decencia non entra no seu ideario, pero falan de sostenibilidade, eliminación da pobreza, equiparación salarial que nunca practican e do pacto verde como carnada para seguir sometendo ás poboacións.

Comentarios