jueves. 19.09.2019 |
El tiempo
jueves. 19.09.2019
El tiempo

As peregrinacións-sport

COMO UN torrente diseminado por camiños, estradas e corredoiras a xeito de eiruga invertebrada obsérvanse centos de persoas, soas ou en parella, falando ou en silencio, camiñando. Van cara Compostela. Ela é o imán que as atrae. Desde séculos atrás . Desde a fe. Desde a falta dela. Desde o coñecemento ou desde a esperanza por encontrarse a un mesmo realizando a viaxe máis íntima. Di o profesor José Rodríguez Delgado na súa obra Mi cerebro y yo que o esforzo físico intenso axuda a entrar en estados de conciencia alterados achegando experiencias místicas completas. Hai moitas penurias que pasar para chegar ao Obradoiro, tanto desde o Camiño Francés como desde o Inglés ou desde o da Plata ou desde o Portugués, que está rompendo récords. E, así, estanse abrindo camiños onde antes non os houbo e con eles unha nova maneira de entender as peregrinacións: as peregrinacións-sport. Unha visión británica. Compaxinar deporte coa contemplación da paisaxe.

A poucos días da celebración do Día do Apóstolo Santiago, do Día de Galicia ou do Día Nacional de Galicia, chámeselle como se queira, os camiños están ateigados de persoas cargadas con mochilas, zapatóns, e nalgúns casos bastóns de fibra de carbono con moitas leguas andadas, cos pés cansos, coas caras curtidas polo vento, o sol, a choiva e o frío. Veñen de lonxe ou de cerca, son gordos ou delgados, vellos ou mozos, crentes ou ateos, cultos ou analfabetos, directivos ou executivos, artistas ou mariñeiros, millonarios ou sen nada máis que o que levan ás súas costas. Si. Ese é o peso que os empurra a deixar a súa vida e rutina diaria para buscar o descoñecido no oeste. A terra do solpor.


Cada un deles ten o seu motivo, propio e persoal, para presentarse en Santiago. E eses motivos repítense desde o medievo ata o século XXI. O ser humano segue a ser o mesmo. Sofre das mesmas dores. Sente a mesma ledicia cando as cousas lle van ben. E así, dende case nove séculos seguen a vertebrar Europa, paso tras paso, traendo novas ideas, novos proxectos, falando diferentes linguas.


Con datos de febreiro deste ano, segundo o Estudo de Impacto Socioeconómico do Camiño de Santiago, elaborado pola Universidade de Santiago e a Xunta, calculan que no ano 2021, ano santo, chegarán á capital de Galicia 464.000 peregrinos. No 2018 cifrouse o selado da Compostela en 327.342 viaxeiros. Vén dicir o estudo que na actualidade os peregrinos supoñen o 2,3 por cento do gasto turístico en Galicia aínda que somente un 4 por cento deles se consideran turistas; independentemente de que o gasto que xeran na compra de bens e servizos, en restauración ou en hotelería teñen un comportamento para xeración de riqueza e a creación de emprego na comunidade autónoma maior da repercutida por un turista ao uso. O 85 por cento dos entrevistados aseguran que acudirán a Galicia outra vez, pero xa como turistas, e recomendaraán a experiencia a tódalas súas amizades e familiares.

As peregrinacións-sport
Comentarios