Opinión

Carne de canón

Di Bruxelas que a Axencia Europea do Medicamento (EMA) nunca comezou ningún trámite para autorizar a vacina rusa Spútnik V contra o COVID 19. A autoridade sanitaria europea viuse na obriga de emitir a semana pasada unha alerta para precisar que non recibira ningunha solicitude do centro ruso de investigación Gamaleya, que foi quen de desenvolver o antídoto. O bulo, de todas maneiras, continuou e continúa nas redes e as redaccións dos xornais europeos chaman, unha e outra vez, o organismo europeo competente para que confirme ou desminta aos rusos. Eles, pola outra banda, aseguran que os competidores están en contra da súa aprobación a pesares de recoñecer a súa eficacia nun 91,6 por cento, tal como ratifica a revista científica The Lancet. En Europa sómente Hungría aceptou as condicións para que se inmunice a súa poboación.

A Spútnik V foi a primeira vacina anunciada ao mundo contra a pandemia. Os científicos rusos acadaron un éxito destacable, pero a desinformación e a escuridade a que nos ten acostumados o goberno desa federación de repúblicas xeran desconfianza, tanto na cidadanía como nos estados veciños, o que non contradí a súa presenza na India, Corea do Sur ou naqueles países onde chega o seu arco de influencia.

Nestes días pasados estamos lendo e mirando nos medios informativos como a vacina chega a poboación das grandes cidades e inocúlase tanto en farmacias, centros sanitarios ou establecementos que nunca nos imaxinaríamos que fosen requiridos para este labor, máis descoñecese o que acontece no rural ou naqueles lugares máis aló da longa estepa ao non dispor de datos claros en canto ao número de persoas vacinadas, franxas de idade, evolución da enfermidade, casuística, efectos adversos en enfermos con patoloxías, sen patoloxías, etc.

Cando a saúde dos pobos está en xogo os gobernos deben actuar para garantir tódalas medidas que permitan seguir habitando este mundo como especie, e non debería existir ningún réxime político que o evitara, pero sempre nos encontramos con loitas fratricidas e sen senso usando estratexias de enfrontamento con repercusión mundial no nome da xeopolítica co obxectivo de acadar máis poder e, desta maneira, reforzar os bloques, xa de por si, moi definidos entre USA, China e Rusia. Europa non está nin se lle agarda, pero si está a India que paseniño solicita a súa presencia neste xogo de equilibrios na política internacional. Vivimos momentos tan serios e tan transcendentais para a humanidade que as liortas son unha perda de tempo e esgotan vontades. A supremacía das multinacionais farmacéuticas, a opacidade dos seus consellos de administración, a falta de rexistros que regulen as súas actividades, a explotación dos seus traballadores, sobre todo en países do terceiro mundo, a imposición de lexislacións favorábeis os seus propios intereses, a compra de vontades en aras do beneficio propio, é o que se da en chamar a nova orde mundial. Somos carne de canón nunha guerra sen balas. Desta, o seu poder será omnímodo. Pobres dos que se opoñan.

Comentarios