Opinión

Catrocentos un día tapados

FOI SACARSE o cubre bocas, mirar cara ó ceo, dar dúas inspiracións para encher o peito de osíxeno sen filtrar, baixar o lombo para soltarlle a correa o can, el tamén ten dereito a sentirse libre, e non volver a verlle o pelo en todo este tempo. Todos temos dereito a sentirnos libres, a fuxir do abafamento provocado por un cacho de tela, ou de calquera outro material, interposto entre a boca e o nariz. Xa chegou o momento de ver sorrir amosando dentadura, xa o de ver abrir a boca cando escoitamos unha burrada ou nos asombremos por algo. Xa non se nos obrigará a ocultar as expresións que saen da nosa cara. Volvemos a normalidade despois de catrocentos un día por rigorosa orde gobernativa, sempre e cando se respecte a distancia de un metro e medio de separación, mentres en interiores seguírase co seu uso. No intre no que se está a escribir esta crónica están subindo os casos e o ritmo de vacinación está acadando velocidade de cruceiro baixo ameaza da variante india delta, o que nos lembra que non deberíamos baixar a garda, despois de tanto sacrificio. Labor que será difícil de manter coa chegada do verán e as gañas loucas de recuperar o tempo perdido. Ese que nos deixou sen poder estar coas persoas importantes das nosas vidas. Esas que non puidemos despedir cando se foron. Esas que permaneceran, inesquecibles, no caixón da memoria como vítimas dunha peste secular. Unha realidade dura coa que puidemos seguir comprobando a desigualdade no mundo, entre países ricos e pobres, entre réximes populistas e os que non o son. Os eficaces e os contrarios. Os con escrúpulos e os que non os teñen.

Somos o reflexo das nosas vidas, pero, tamén o somos do réxime político escolleito como forma de goberno. El marcará as solucións e os impedimentos aos problemas encontrados na xestión diaria e de futuro. A lección non se esquecerá. As novas xeracións terán que enfrontarse a situacións como a que vivimos, ou, quizais, peores, polo que isto deben formar parte dunha aprendizaxe cara un futuro onde a saúde dos pobos marcará compromisos políticos sustentados en manter o medio ambiente como un dos eixos fundamentais cara a preservar á especie. Apareceran novas formas de produción, novas actividades industriais, novas tecnoloxías necesarias para redeseñar un futuro baseado na nanotecnoloxía, na dixitalización, na diversidade, nas maneiras de educar e de formar, na igualdade e no respecto polos semellantes. O Centro de Investigacións Sociolóxicas, CIS, na súa ultima enquisa indicaba que o 99,4 por cento dos españois usamos a máscara protectora durante a pandemia como un instrumento necesario para preservar a saúde, pero, tamén, para cumprir coas normas e evitar o sinalamento social ou por medo a ser amoestado ao non cumprir coa norma imposta. Estúdese ben o resultado desta investigación e podemos colixir, entre outros aspectos, a importancia dada a deixarnos guiar e a de non romper co establecido. Tómese nota.

Comentarios