Opinión

Unha enfermidade selectiva

Evitar pensar no que pode acontecer nun futuro próximo cando pasamos por situacións complicadas na vida é un mecanismo de defensa usado polos humanos para non amargarnos a existencia. Todo isto pasará e todo irá a mellor, repetimos ata converter a reflexión nun mantra terapéutico. Se cadra non reflexionamos sobre o que virá para non invitar a que o medo se apodere de nós. Pasamos por tanto cansazo, tanto sen sabor, tan molesto, tanta desesperanza, tanta intranquilidade, tanto desasosego, que exercitarnos sobre o que ocorrerá esgótanos e non queremos saber nada. 

Así, poucos son os que sitúan a esta pandemia, que xa fai un ano acompaña as nosas vidas, como un exercicio selectivo para eliminar poboación dunha idade provecta. Os nenos non se ven afectados nin os mozos por este virus asasino de millóns de persoas. É selectivo na limpeza dunha parte da humanidade e poucos son os que verbalizan o que hai detrás de todo isto. Pero da medo. O pasado setembro Enmanuel Macron, falaba nas Nacións Unidas diante dos líderes chino, Xin Jinpin e Donald Trump, sostendo a idea de que é necesario ir a un novo orde mundial, logo nunha entrevista realizada polo Financial Times indicaba que ve a crise como un acontecemento existencial para a humanidade que mudará a natureza da globalización e a estrutura do capitalismo mundial. O presidente galo, de 42 anos, e infectado polo Covid 19 do que xa está curado, que se saiba, sostén que a pandemia pode dar lugar a unha maneira diferente a actual de velo capitalismo, humanizándoo, loitando para salvar o planeta do quecemento global, investindo en baterías para os coches eléctricos, fabricar equipamento médico e fármacos para escaparse da dependencia chinesa. Para el a investigación para desentrañar o ADN do Covid vai en paralelo cos esforzos para evitar o cambio climático. O medo á asfixia -veu dicir polo virus asemella os efectos da contaminación atmosférica e as persoas non aceptaremos respirar máis aire contaminado cando saiamos desta crise. 

Angela Merkel, no que pareceu ser o seu derradeiro discurso de de aninovo, falou do cambio climático e de como o virus estaba modificando as nosas vidas. Solidariedade, cohesión social, aceptación das restricións sociais de grande alcance, e solicitude de apoio os cidadáns para que acompañen na toma de medidas sen precedentes ata a data de hoxe foron as ideas forzas na que baseou a súa intervención. Eloxiou o esforzo da empresa alamana BioNtech que desenvolveu a vacina que agora mesmo se administra en todo o mundo, pero como un canto a diversidade xa que a empresa conta con persoal de 60 países do mundo. 

Os líderes mundiais enfróntanse, o mesmo que todos, a un desequilibrio de inmensas proporcións, máis, nunca como hoxe a humanidade enteira falou tanto de igualdade, de loita contra a pobreza, de paz como o único argumento para vencer o medo. Semella unha volta cara o mellor do que podemos ofrecer como especie, agora ameazada por unha enfermidade selectiva.

Comentarios