Opinión

Entradas e despedidas á inglesa

A despedida de Lizz Truss como primeira ministra do Reino Unido é a constatación manifesta da perversión da democracia: non gobernan os mellores, os elixidos pola cidadanía; gobernan os que marca o partido. Non se despexará a incógnita de si realizaría unha política neoliberal emulando á «dama de ferro», aquela que non tivo dúbida en atacar Arxentina, defendendo a imaxe colonial dunha Gran Bretaña sometida a grandes conflitos internos e, case sempre, provocada polos mesmos «tories». Truss marcha sen facer historia. Deixa espazo para que os que a expulsaron coloquen a quen consideren. Sexan uns ou outros volveran as políticas neoliberais a marcar axenda. Un neoliberalismo que mata, que coloca fronteiras e que silencia o que está acontecendo nese país logo do referendo de saída da Unión Europea propiciado por David Cameron, apartado polos de sempre, deixando a Teresa May colgada da brocha para que un excéntrico como Boris Johnson gañara as eleccións cunha maioría máis grande que a da propia Tatcher. Mágoa que as «partygate» rematasen a súa estancia no 10 de Downing Street. O pelirroxo volverá. Non se sabe cando, pero volverá ao poder porque vive para elo e ten aquelo que aconsellaba Maquiavelo na súa obra El Príncipe: falta de escrúpulos.

O hindú-británico Rishi Sunak, ministro de economía con Johnson, diríxese á prensa, antes de nomear goberno, anunciando que veñen tempos de escaseza. O di un multimillonario. Son entradas e despedidas á inglesa.

Un mesmo partido de goberno e diferentes fórmulas para dirixir a sociedade postbrexit.

Este sábado Giorgia Meloni, líder de Hermanos de Italia, convertíase na primeira ministra italiana coas beizóns de Berlusconi e de Mateo Salvini. O neofascismo entra en Italia e a esquerda búscase polas esquinas dos barrios obreiros porque aínda non se decataron que os traballadores actuais non teñen ningún parecido cos retratados na película Novecento, de Bernaldo Bertolucci. Enrico Letta, líder do Partido Democrático, lanzou unha alerta electoral para parar o inevitable, pero non deu resultado. A división da esquerda ten estas cousas. O mesmo acontece en España.

Meloni, diante do parlamento confesaba que non era postfascita, condenou a invasión de Ucraína e manifestase como socio fiel de Europa. A esquerda europea debería sentir vertixe polos anos que veñen paseniño. En Galicia segundo a última enquisa publicada este domingo, Rueda seguirá sostendo a maioría, o BNG como segunda forza, aumenta dous deputados e o PSG-PSOE, baixa, profundando na división dese partido entre norte e sur. Caballero, sobriño, contra Formoso e este vendo correr o tempo sen poder facer nada. Así, seguiremos. Axudando a que Feijóo acade a maioría que o catapulte á Moncloa. Aínda que, claro, unha cousa son as enquisas encargadas por un xornal e outra é o momento de colocar o voto en urna.

Dunha maneira ou doutra a comisión europea está reclamándonos que se executen os fondos europeos para axudar a saír dunha crise que superará a outras xa pasadas, baixo a sombra de Putin e Xi jinpin, observados por Borrell.

Comentarios