Opinión

Falar do tempo

Dende logo vai ter razón aquel avó cando se dirixía ós netos para lembrarlle que cando se remata o ano sempre pasan cousas inesperadas. O dicía cun ton de resignación, de aguantar o que veña e con isto tirar para diante. Estamos en novembro, mes axeitado para os magostos, para a nécora, camarón, ameixa, carneiro de mar, arola… e outras especies, tanto de cuncha como de casca, aínda que tal como avanzamos noutra ocasión, as capturas son inferiores ás do último ano.

Tempo de viño novo e de castaña pilonga. O equilibrio que as estacións anuais aportan ás nosas vidas regula os diferentes estados de ánimo de cada un de nós e das especies que conviven acompañándonos nos nosos ciclos vitais. Cando as estacións non entran no seu tempo existe unha estrañeza, un mirar cara o ceo, os que saben, ou mirar o teléfono móbil, os que non, para auscultar o que vai vir. Xa non se fala, única e exclusivamente, do tempo no ascensor; xa no devir cotián. Facemos común a nosa preocupación e desenvolvemos a memoria histórica persoal para asegurar que tal como o de agora, non pasou nunca.

Falamos do tempo, máis que da inflación, máis que do consello xeral do poder xudicial, máis que do tribunal superior de xustiza, máis que do Celta e do seu adestrador, máis que do remate do Ano Santo, máis que de Felipe González e Alfonso Guerra, máis que da santa compaña neste mes tan apropiado. Será porque o clima marca e define o futuro da humanidade. Como habitantes deste planeta e cidadáns do mundo, ninguén pode arrebatarnos a responsabilidade de defender a saúde, o xirar da Terra.

A sensibilización da ONU para implementar ós dezasete obxectivos de desenvolvemento sostible é un paso fundamental para xerar políticas de acorde cunha renovación industrial que non estea enfrontada á biodiversidade e poidan deseñarse estratexias que desaceleren o quecemento global ata romper o círculo vicioso de incrementar 1,5 graos a temperatura do ecosistema ao que estamos abocados. A nova economía vai por aí; artellar obxectivos estratéxicos para minguar o inevitable si é que non se poñen reparos; independente de guerras que lastran vidas, esmagan liberdades, rematan con culturas, con linguas que nunca máis se falaran.

O recente gañador das eleccións no Brasil, Lula da Silva ten entre as súas responsabilidades recuperar; senón todo, unha parte do exterminado na Amazonia por forzas indesexables e asasinas de persoas e de animais. Recuperar a natureza e loitar contra a pobreza: Si existen 30 millóns de persoas que non fan 3 comidas ao día, tal como o tres veces presidente sostén, unha das maneiras de construír unha nova riqueza territorial consistirá en recuperar a sostenibilidade, poñernos a traballar e respectar o medio ambiente, como fixeron algunhas tribos indíxenas exterminadas e outras, aínda non o foron porque foxen do home branco tales como os awá ou os akuntsos, estes testemuñas dos asasinatos dos seus parentes con escavadoras por depredadores do home.

Comentarios