Opinión

A felicidade e o pracer

SI TE SITÚAS no cabo Corrubedo mirando cara Fisterra no mesmo intre do lusco fusco serás afortunado. Ver deitarse o sol na raia do horizonte semella unha milagre tan inmensa que desexarás repetir ao día seguinte e o seguinte e verás que cada instante é diferente. A repetición de cada instante é imposible porque o que foi xa foi e xa non está. Máis os humanos procuramos o instante perdido porque a memoria retén todo aquelo que, nalgún intre, colmou os desexos dunha felicidade esquiva. Falamos de felicidade como unha extensión dese estado no tempo pero iso esixe estabilidade e continuidade. O contrario sería o pracer que indica unha satisfacción momentánea sendo un estado limitado, superficial e efémero. Entramos de cheo no hedonismo, escola filosófica e doutrina moral que o considera como o único ben da existencia humana. É dicir, perséguese a satisfacción por riba de calquera outra circunstancia. Non imos entrar nas diferentes clases de hedonismo; nin tan sequera é bo que falemos de Epicúreo nin dos seus seguidores porque non se trata, neste breve espacio de falar de filosofía, máis do necesario; a parte de que existen cabezas e plumas con máis coñecemento e precisión para trataren este asunto.

Dito isto, a semana pasada Angela Merkel abandonaba o Bundestag despois de 16 anos dirixindo a locomotora xermana. Con luces e sombras como corresponde a quen exerce calquera actividade na vida, incluída a de gobernar un país tan imprevisible, inda que poida parecer o contrario, como o alemán. Sentada entre os convidados escoitaba as loubanzas do novo presidente, Olaf Scholz, un home din os xornalistas especializados en política, tranquilo. A presidenta contesta agradecida e deséxalle o seu homólogo sorte e éxito na xestión. O Pleno aplaudiu a excanciller durante logo tempo. Que sentiría, felicidade por saír dunha actividade a que dedicou unha longa tempada da súa vida? Ou pracer nese intre no que se ve recoñecida, tanto por compañeiros como por novos deputados que acadaron escano por primeira vez? Cando se encontre pola Gomera, illa canaria a que visita durante bastantes anos, onde dixo que logo iría, veremos como contesta.

Que sentirán os políticos que razoan sobre a inmigración indicando que delinquen catro veces máis que os españois metendo a todos nun mesmo saco? Felicidade ou pracer?

Cal é o mérito dos médicos que receitan aspirinas e diferentes vitaminas para curar o covid, negando a súa existencia e creando un estado de opinión negacionista, provocando dor e morte? Felicidade ou pracer?

Independente do que calquera poida pensar sobre o goberno que nos goberna debemos sentirnos orgullosos de que o noso país agasalle con 50 millóns de vacinas a países en desenvolvemento e traballe para incrementar ese número. Séntese felicidade e pracer. Atender ós menesterosos, ós humildes, ós necesitados é unha obriga daqueles que máis teñen. O espírito do Nadal debería inundarnos a todos, a cidadáns e a gobernantes, a rusos, europeos a ucraínos que eliminen tambores de guerra. Iso sería felicidade.

Comentarios