Opinión

O futuro que nos agarda

Existe un estudo nalgún sitio, non paran de saír estudos de tódalas cores e estilos, no que se confirma que as responsabilidades que adoptamos na vida cansan e envellecen. Niso concordamos todos. Envellecer, envellece o paso do tempo e como consecuencia, quen o sofre observa na propia pel as pegadas deixadas pola experiencia de vida vivida e na alma, os momentos ledos e amargos, pousan as experiencias que marcan o noso carácter; o que transmitimos a aqueles con quen se conviven e que definen, dalgunha maneira, o paso por este val que é a existencia.

Na actualidade, e como consecuencia da pandemia, trátase de atender novos paradigmas que permitan adaptarse ao cambio que se producirá, tanto nos sistemas produtivos como nas relacións que manteremos cos nosos semellantes. Parece ser que xa todo non vai ser igual que ata o de agora. Mudarán as maneiras de producir, de relacionarnos, de desfrutar do ocio, de coidar a saúde. Segundo The Economist, unha das revistas de economía máis recoñecidas do mundo, logo de consultar a 50 expertos publicou un traballo no que en 20 puntos resúmese por onde imos camiñar, chegando a conclusión que se vai marcar máis distancia social e a tecnoloxía introducirá novos valores que irán a rexeitar o materialismo e regresaremos ao contacto coa natureza. O que veñen a dicir é que as nosas casas serán máis tecnolóxicas e adaptadas ao traballo diario polo que xa non se fai necesario vivir en grandes cidades, evitando o modelo de grandes edificios ocupados por firmas con grandes números de traballadores; o mesmo que os hoteis onde nos reuníamos para realización de reunións, conferencias, etc., calculando que o 50 por cento deles desaparecen para este mester. As chamadas telefónicas convértense en vídeo chamadas, as xuntas internacionais de consellos de administración serán xuntas en liña, os grandes congresos e feiras crearán sistemas tecnolóxicos axeitados potenciando novos produtos dixitalmente e con tecnoloxías innovadoras, apoiados pola intelixencia artificial, A.I. Di a revista no artigo o que nos estamos a referir que a produtividade xa non dependerá dun xefe que revise o traballo, agora serán as plataformas as que mediran os resultados a traveso dos KPI´s e tempos eficientes. Non existirá diferencia entre contratar persoal local e estranxeiro. Contratar o mellor do mundo será máis fácil e económico, pois. Aquelas empresas que non invistan, polo menos, un 10 por cento en novas tecnoloxías, desaparecerán, afirman. Este, parece ser , é o futuro que nos agarda. Verbas como block chain, realidade aumentada, intelixencia artificial, plataforma dixital, cambio climático... formaran parte do noso día a día porque a través delas acudiremos aos nosos postos de traballo, pagaremos as taxas administrativas, educaremos aos nosos fillos e nos educaremos, asistiremos as consultas médicas dixitalmente, mercaremos menos roupa elegante, consumiremos produtos orgánicos, accederemos a información e as axencias de noticias por subscrición para unha maior transparencia e sen fake news incrementarase o consumo de aparellos electrónicos. Estaremos máis controlados. Orwell tiña razón.

Comentarios