Opinión

Galicia e Portugal apostan pola intelixencia

É tanta a admiración sentida por Portugal que celebramos os trunfos dese país veciño como propios. Cada avance, cada paso cara o éxito é a constatación real de que Galicia desde a proximidade emocional e xeográfica ten moito que gañar nesa veciñanza. Así o entenderon Fernández Albor, o noso primeiro presidente e grande admirador de Eça de Queiroz, Teixeira de Pascoaes ou de Fernando Pessoa a quen recitaba cando gañaba confianza co seu interlocutor, tamén González Laxe e o mesmo Fraga quen entendía a nosa proximidade como unha maneira de partillar nos grandes proxectos de estado. En máis dunha ocasión, incluso antes de chegar á Xunta avogaba xa por unha conexión rápida por ferrocarril "hai persoas que non apostan polo tren de alta velocidade entre Vigo e Porto, pero, eu non teño dubidas da súa rendibilidade. Deféndoa, tanto desde a economía, como, tamén, desde a socioloxía e a cultura". Corría o ano 2005. 

O 26 de maio de 2021, o presidente Feijoo, no transcurso dunha visita oficial a Lisboa na que se encontrou co recente gañador das eleccións este pasado domingo, o socialista Antonio Costa, rematou co compromiso do presidente portugués de avanzar na construción da liña de alta velocidade entre Porto e Vigo "vai ser o eixo vertebrador dunha das fachadas atlánticas máis importantes de Europa", argumentaba o presidente galego como clara mensaxe para o goberno español. 

Pasaron moitas oportunidades diante dos nosos ollos, pero como a actual non vai acontecer nunca máis. A aplicación dos Fondos Next Generation entre os dous países deben funcionar como un motor de cambio que permita ter aceso a estas grandes infraestruturas que conectarían Coruña con Porto e Lisboa xerando ese espazo, que xa existe, onde a ciencia por medio das universidades e os institutos politécnicos galegos e portugueses, tanto públicos como privados, tal como amosa a Conferencia de Reitores das Universidades do Sudeste de Europa, CRUSOE, organización fundada no 2011 desde a Universidade de Vigo, son elementos fundamentais para o cambio onde os centros tecnolóxicos ligados a automoción, a robótica, a ciencia aeroespacial, a biotecnoloxía, a nanotecnoloxía, a intelixencia artificial, a cibernética incrementarían a competitividade da eurorexión, xerando riqueza e creando emprego de calidade que evitaran a fuxida de talento. A xeración de riqueza consiste en manter a intelixencia apegada ao territorio para crear ecosistemas onde a nosa xuventude poidan desenvolver Galicia e Portugal, con tantas cousas en común, mantidas en tantos séculos de irmandade, que sómente falta un tren de alta velocidade que nos permita movernos no ámbito persoal e no de mercadorías para seguir medrando conxuntamente. É unha realidade irrebatible. Co resultado acadado nestas eleccións nas que Antonio Costa gobernará, a Feijoo non lle queda outra que insistir para converter o sono en realidade. En Madrid deben ser conscientes desta necesidade porque si non o son seguiríamos mantendo a condena duns camiños de ferro non compatibles co século XXI co que de facto seguiríamos lonxe da Europa ansiada.

Comentarios