Cumpriuse a profecía sobre Kamala Harris, foi presidenta da primeira potencia mundial mentres o presidente era obxecto dunha rutinaria colonoscopia. USA nin se percatou que unha muller negra podía declarar a guerra ou invadir outro pais, mentres o vello presidente era atacado por sotavento para comprobar o seu estado de saúde; o cal os seus galenos definiron como san e vigoroso. Estados que parece concordan cunha persoa que o seguinte día celebraba o seu 79 aniversario. Nin Donald Trump, nin Steve Bannon, nin o partido republicano levantaron a voz sobre tal acontecemento histórico, por certo, recolleito na constitución dese país na que se expón a substitución do presidente polo vicepresidente/a cando o caso o requira, independente do tempo sexa o que dure unha proba médica: 85 minutos. Certo é que a marxe de manobra de quen asume o poder neste caso é escaso. Da para xantar unha caldeirada de maragota, unha sobremesa de filloas sen nata e un chupiño de licor café que nesta época quenta o espírito e cura a dor de amígdalas.
Kamala, a presidenta en funcións, non fixo declaración nese tempo e a súa xefa de prensa comunicaba unha axenda persoal elaborada con semanas de antelación que levaría a cabo desde a ala oeste da Casa Blanca e que non tiña pensado achegarse polo despacho oval. Silencio. Dicía Leonardo da Vinci, ese xenio do Renacemento, que non hai nada que fortaleza máis que o silencio. Ela sabeo.
De tal maneira que parece ser que foi a última en enterarse da retirada das tropas norteamericanas de Afganistán o que, ademais de deixala no sitio menos adecuado en relación aos seus compañeiros de goberno non lle aporta ningunha oportunidade para defender publicamente a política do seu presidente.
Biden, quen manifestou xa en máis dunha ocasión que lle gustaría repetir a súa candidatura a presidente máis lonxevo do país de Abraham Lincoln, non está situado nas posicións máis vantaxosas nas enquisas e isto arrastra as posibilidades desta política dunha brillante traxectoria profesional.
Hai quen sustenta que a ela tócalle vivir a escuridade dos vicepresidentes norteamericanos onde Biden ten experiencia dabondo. Pero, a diferencia del, Harris é unha líder carismática con preparación e discurso propio a quen se aparta deses postos nos que pode brillar con luz propia, se cadra, para non facer sombra a outros. Os despachos co presidente son cada vez menos e isto nunha sociedade como a norteamericana provoca enfrontamentos entre membros dos gabinetes o que xa provocou a renuncia e fuxida da xefa de prensa da vicepresidenta argumentando que tiña outras ofertas máis interesantes fóra. Primeiro desembarco de persoal cualificado ao que lle seguirán outros. Os demócratas están vendo como perden influencia na opinión pública e a tendencia na intención de voto baixa a pasos axigantados. Os donantes xa se comezan a remover nas súas cadeiras e reclaman un paso ao fronte desta muller a quen ven con gañas e preparación para ser unha alternativa de poder.