Opinión

Kamala, a primeira vicepresidenta de USA

XA QUEDOU claro trunfo de Joe Biden nos comicios norteamericanos onde a senectude amable e tranquila enfrontábase a outra nerviosa e agresiva, representativa dunha maneira de gobernar onde as mentiras crearon un mundo paralelo ó da realidade real, non a virtual retransmitida pola técnica dixital. Os analistas afían argumentos para debater os pasos máis inmediatos do novo goberno baseándose nunha estratexia que permita ao sistema de saúde norteamericano definir un plan estruturado para acertar coa análise para logo atacar frontalmente o COVID 19 e esquecerse da negación da evidencia que ata agora levou á morte a centos de miles de cidadáns, sobre todo das clases máis menesterosas, e retomar o liderado dese país no panorama mundial onde as relacións institucionais quedaron moi danadas polas decisións pouco reflexivas do anterior mandatario. Isto xa se verá.

Pero calquera analista o que reclama atención neste novo goberno, que se constituirá no mes de febreiro, sempre e cando as labores dilatorias de Trump co sistema xudicial o permitan, é o papel de Kamala Harris, de pai xamaicano e nai india que se converterá na primeira muller vicepresidenta na historia dese novo país ao que se lle engade o feito de ser unha loitadora pola igualdade racial. Si, porque Hillary Clinton, antes "muller de", logo secretaria de estado con Obama e despois candidata á presidencia, compartía co anterior presidente a mesma cor de pel, aínda que non a mesma maneira de entender o mundo a pesares de que ámbolos dous accederon a educarse nas mellores universidades desa república confederal. O ascenso desta líder está catapultada pola manchea de votos das mulleres e dos xóvenes que encheron as urnas, como nunca antes na historia de USA e con eles a inmensa ilusión provocado polo cambio.

Kamala, 56 anos, casada cun xudeu, representa o futuro dun país racialmente diverso que compartirá goberno cun home blanco de 77 anos. Agardemos que non se cumpra o vello modelo da Casa Blanca onde ao número 2 se lle aparta do poder para adoptar un papel ornamental. Din que a rixidez ideolóxica non forma parte do seu carácter e que isto permitirá que se amolde aos criterios do comandante en xefe co que non tivo ningún problema cando nas primarias botoulle na cara a falta de sensibilidade racial que amosou este fillo de irlandeses. Agardemos que non sexa só o da raza o único argumento que eleva a esta espléndida muller ao goberno máis poderoso do mundo.

A apertura do sufraxio feminino en Estados Unidos cumpriu 100 anos o 18 de agosto de 2020 ao ratificarse en Tennessee a décimo novena enmenda da Constitución estadounidense incluíndo a extensión que xa non se prohibiría o voto "por razón do sexo". Non fai tanto. As constitucións progresistas inclúen que todo mundo pode votar independentemente do sexo, ideoloxía e crenzas relixiosas o que permite que as mulleres asuman un rol para o que están máis que preparadas, tal como se ve onde gobernan.

Comentarios