Opinión

O máis rico domina ó pobre

Levamos un tempo vivindo experiencias novas para as que  nunca soubemos se estabamos preparados. Nin nos peores soños parecía que puidésemos vivir nunha época tan pouco propicia para o desfrute. Decatámonos da fraxilidade das nosas vidas e chegamos a preguntarnos que é o que nos agarda conforme pasa o tempo. O tempo. ¿Agora como o medimos? ¿Por días, horas, minutos, segundos ou... por experiencias?. ¿Que é o que nos fai envellecer, e con iso a extinción propia, de ser sobre a terra, as experiencias ou a contabilidade das fraccións inventadas para medir os momentos que abarca cada paso da existencia?. Xa o dicía Marcel Proust, ese asmático de intelixencia espida, autor de Na procura do tempo perdido, cun certo desapego: "É o tempo quen trae paseniñamente o esquecemento". Se é así, ¿que aporta a experiencia?. Para algúns autores, Malina, Bouchard ou López-Machado, por poñer algúns nomes sobre a mesa, a experiencia está ligada á madurez desde o aspecto biolóxico. A transformación física do individuo é o sinal que nos marca esta evolución. As medidas científicas do esqueleto, ósos, dentes, son a proba deste proceso.Jean Piaget (1896-1980) psicólogo suízo, autor da teoría do desenvolvemento cognitivo, baseado sobre a natureza e a evolución da intelixencia humana, ocupase, fundamentalmente, de estudar a maneira na que os seres humanos adquiren, constrúen e usan o coñecemento,  ferramenta que marca as diferenzas nunha idade temperá para acadar experiencias e interpretalas. O cúmulo de experiencias amosa o paso do tempo e, á súa vez, aporta a maduración necesaria para crear un ser social. Levamos un tempo escoitando os efectos prexudiciais que a pandemia ten sobre a nosa saúde mental e o pouco caso que se lle fixo durante os tempos de confinamento. Estivemos sós nos nosos lares. Sen comunicarnos co exterior fisicamente aínda que si a través da tecnoloxía. Ocupamos o tempo en videoconferencias, webinars, etc. ; sometéronnos a unha abafante e intensa presión informativa con técnicas de propaganda bélica na que se falaba de mortos, de soidade, de hospitais ateigados, de persoal facultativo sobrepasado, de dramas familiares, de peches perimetrais, de toques de retirada, de exército, de fornos crematorios en telexornais en horarios punta, de cidades desertas... e agora a Organización Mundial da Saúde urxe aos gobernos de tódolos países afectados (é dicir, todo o mundo) a destinaren orzamentos para o coidado da saúde mental. Pasou o tempo e acumulamos experiencias nunca vividas en xeracións pasadas que han marcar a existencia de xeracións vindeiras e veremos de que xeito afectarán ás relacións sociais. O mundo interno da cada un deberá verse proxectado no tipo de sociedade a construír no momento no que a vacina sexa inxectada á maioría da poboación mundial, quen deberá xulgar o papel realizado polas multinacionais farmacéuticas e polos gobernos de nacións poderosas implicados na compra dos antídotos esquecendo a solidariedade entre os pobos, que é tanto como dicir entre a humanidade. Comprobouse, unha vez máis, que o máis rico domina o pobre.

Comentarios