Opinión

Obsolescencia programada

Cantas veces escoitamos que todo vai ir ben e non vai, cantas dicimos que todo pasará decontado, e non pasa, cantas os líderes mundiais nos enganan semellando que mandan por orde do pobo e por mor dun contrato asinado coa cidadanía, votado en un plebiscito democrático e universal e bailan ao compás que marcan as grandes multinacionais, Facebook, Windows, Apple, Samsung, Nissan, Kia, Hyundai, Coca Cola, Iberdrola, Endesa, Inditex, etc. Cantas cremos que as cousas mudarán e non mudan. Realmente o cambio quédase nunha verba convertida nun oximorón; non hai movemento. Vivimos unha época onde a democracia, esa verba en tantas ocasións usadas e outras tantas pervertida, está indisolublemente unida ao consumo. Consumimos tempo en pensar que imos consumir, consumimos enerxía, consumimos mobilidade, consumimos datos, consumímonos co abandono administrativo, e o que consumimos ven coa obsolescencia programada. Todo o que consumimos caduca. Nos, tamén, caducamos. A maioría das veces antes de tempo; é dicir, cando non consumimos osíxeno.

Este mes que acabamos de encetar e o mes da orxía consumista. 11 millóns de leds en Vigo que segundo Abel Caballero, alcalde forever, non consumen case nada comparado coas bombillas tradicionais que practicamente non existen xa no mercado. Os comerciantes e os hoteleiros da cidade e da bisbarra manifestan a súa ledicia pola medida porque ven a incentivar o consumo local, a pesares do ómicron, esa variante do covid que ven a consumirnos a saúde. Di o alcalde que o consumo enerxético en todo Nadal está en 30.000 euros e que os ingresos pola chegada de turistas acadarán os 100 millóns de euros. Xa se verá a maneira cando se apaguen as luces e a estación espacial deixe de pasar por Vigo como quedaran os barrios da urbe máis poboada de Galicia e de que maneira repercutiu neles o consumo desaforado dos cidadáns afeitos, os que a teñen, a pasar a tarxeta de creto pola máquina. Mentres os cidadáns do centro irán aprendendo todo o repertorio de panxoliñas en tódalas linguas inimaxinables.

O consumismo desaforado trae pobreza e con elo inxustiza social que afecta fundamentalmente os países en desenvolvemento. Un 30 por cento da humanidade está marcando o destino do 70 por cento restante que non contaminan porque non usan automóbiles, non teñen frigoríficos, non usan plásticos, aparellos que axudan na carbonización o que provoca a destrución do planeta. A sociedade desenvolvida mata a subdesenvolvida. Os países con economías desenvolvidas converten os países en desenvolvemento no seu vertedoiro. Xa o dicía Zygmunt Bauman nas súas obras Vida de consumo e Trabajo, consumismo y nuevos pobres; ninguén pode ser consumidor sen antes ser consumible e engade que o paso dunha sociedade de produtores a unha de consumidores foi acelerado pola desregularización e a privatización como consecuencia do estado benfeitor que transforma o traballo nun produto. Tanto é así –di– que o ser humano debido a súa natureza hedonista tende a buscar a satisfacción persoal, así a sociedade de consumo comprometese a satisfacer ós individuos que a conforman.

Comentarios